Escoitar

O Concello aproba as ordenzas fiscais que rebaixan impostos ás vivendas protexidas e ás familias numerosas

luns, 27 xan 2003
imx2267.jpg
Sesión plenaria
O pleno da corporación aprobou a modificación das Ordenanzas Fiscais que inclúe bonificacións para os sectores sociais con menos recursos económicos e medidas de apoio á creación de emprego e ás empresas máis afectadas pola crise do ”Prestige”. Estas reformas introdúcense nos impostos municipais ao tempo que se aplica a supresión do Imposto de Actividades Económicas para as persoas físicas e as sociedades cunha cifra de negocios inferior a un millón de euros.

A novas ordenanzas reducen o Imposto de Bens Inmobles a aquelas persoas que adquiran vivendas protexidas. A rebaixa será dun 50% nos tres primeiros anos trala compra da vivenda e dun 25% nos tres seguintes. Tamén se reducirá un 50% o Imposto de Construcción ás promocións de vivendas de protección oficial.

As familias numerosas poderán acollerse tamén a unha rebaixa do IBI. Aquelas que teñan uns ingresos netos per cápita inferiores aos 3.500 euros obterán unha bonificación do 90% neste imposto. O Concello aplicará a partir de 2004 un recargo do 50% ás vivendas desocupadas, coa finalidade de reactivar a oferta de vivendas en Vigo.

A partir de 2004, as empresas de nova creación terán unha bonificación durante os primeiros cinco anos de actividade do 30% no IAE. Tamén se lles reducirá este imposto un 25% a aquelas sociedades que aumenten o seu cadro de persoal alomenos un 10% con emprego fixo.

Outras modificacións que o Goberno introducirá nas ordenanzas fiscais proporcionarán vantaxes ás familias. Trátase de eliminar o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos (plusvalía) nos casos de transmisión entre cónxuxes ou de pais a fillos con motivo dun divorcio ou separación. Tamén se eliminará cando se trate cunha contribución dos cónxuxes ao matrimonio. Ademais concédese unha bonificación do 50% neste imposto cando a transmisión entre cónxuxes, ascendentes ou descendentes sexa por causa de morte e o sucesor utilice a vivenda como residencia habitual

Taxi para o transporte de discapacitados

O pleno aprobou a creación de dúas novas licencias de taxi dedicadas ao transporte de persoas con mobilidade reducida. Os adxudicatarios terán a obriga de adscribir as licencias a un taxi adaptado ou eurotaxi, un vehículo que ten que cumprir coas normas de accesibilidade fixadas na lei.

Poderán solicitar as licencias os conductores asalariados de titulares de permisos clase A, que traballen con dedicación exclusiva á profesión. Os futuros adxudicatarios das licencias terán que prestar servicio ás persoas con mobilidade reducida, para o que deberán dispor dun vehículo adaptado que cumpra cos requisitos especificados no Código de Accesibilidade do regulamento da Lei de Accesibilidade e Supresión de Barreiras de Galicia. Ese vehículo poderá acceder ás subvencións establecidas no convenio asinado polo Concello co IMSERSO e a Fundación ONCE

Nomeamento de rúas

A Corporación aprobou nomear a praza de uso público resultante da urbanización Villa Laura, con fronte a rúa Pintor Colmeiro, Carlos Casares Mouriño. Co nome de Fernando Conde Montero Ríos denominarase á praza de uso público existete no interior da UE Fraga, e co nome de Trinitario Otero coñecerase a unha das travesías de Fonteoscura.

Minuto de silencio

A Corporación municipal gardou un minuto de silencio, ao comezo da sesión plenaria, polas sete mulleres víctimas da violencia de xénero desde que empezou o ano. As mulleres mortas a mans das súas parellas eran de Madrid, Fuengirola, Segovia, Barcelona, Tenerife, Hospitalet e Terrassa.
Descargar todas as imaxes