Escoitar

O obradoiro de emprego ”vigozoo” formou 36 desempregados que construíron unha granxa-escola

luns, 30 dec 2002
imx2176.jpg
O concelleiro clausurou o obradoiro
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, e o delegado da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Joaquín Macías Sánchez, entre outras autoridades, clausuraron as actividades do Obradoiro de Emprego “Vigozoo”. O acto, que tivo lugar hoxe nas instalacións do Zoo na Madroa, comezou cun percorrido polas mesmas para coñece-lo traballo realizado polos trinta e seis alumnos-traballadores deste proxecto de formación ocupacional, facéndoselles despois entrega dos diplomas.

O Obradoiro de Emprego “Vigozoo”, promovido polo Concello de Vigo e cofinanciado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, iniciou a súa andadura en decembro do pasado ano 2001 coas especialidades de “Carpintería”, “Construcción” e “Xardinería”. Trinta e seis persoas desempregadas, sen cualificación profesional e con máis de 25 anos, recibiron unha formación teórico-práctica co obxecto de acadar a súa inserción laboral e mellora-las actuais instalacións municipais do Zoo co seu proxecto de obra.

Tamén, no apartado de formación, trece destes traballadores tiveron a oportunidade de obte-lo título de Graduado Escolar, gracias ó apoio específico dunha profesora durante a primeira fase deste Obradoiro de emprego.

Por outra parte, e dentro do conxunto de obras realizadas polo O.E. “Vigozoo”, hai que destacar a construcción dunha Granxa-escola coa que se completará a oferta educativa do Zoo e que está formada por dous recintos, rodeados dunha varanda de madeira para que os visitantes poidan observa-los animais. A envergadura da obra da Granxa-escola obrigou á participación na mesma de traballadores das tres especialidades: albanelería, carpintería e xardinería.

A Granxa-escola contará basicamente con dúas áreas diferenciadas e separadas, dedicándose unha delas ó coidado de animais e a outra a plantacións de legumes e froiteiras. Na zona dos animais poderanse realizar actividades gandeiras, establecendo contacto directo cos animais e aprendendo técnicas tradicionais de obtención de productos.Os visitantes tamén terán unha participación activa na zona de vexetais, onde participarán en actividades de sementa e colleita, así como aprender técnicas tradicionais de manexo de útiles de labranza.

Este programa de emprego contou cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en cofinanciamento co Fondo Social Europeo de 636.000 de euros. O Concello de Vigo, pola súa banda, aportou unha achega de 120.000 €, ademais das aulas, oficinas e talleres.
Descargar todas as imaxes