Escoitar

O Pleno reclama á Xunta o impulso do Campus do Mar e a cesión dos inmobles á Universidade

A moción socialista foi aprobada cos votos favorables de Marea de Vigo na sesión plenaria celebrada este luns, na que a Corporación tamén deu o visto bo á moción do grupo do PSOE na que se insta ao goberno autonómico a cubrir os patios exteriores dos centros educativos.

luns, 3 out 2016
O Pleno do Concello aprobou, cos votos do grupo socialista e de Marea de Vigo, instar á Xunta de Galicia a impulsar o Campus do Mar, dotalo de contido e financiamento nos seus orzamentos para 2017 e seguintes e ceder, de forma inmediata, os inmobles necesarios á Universidade de Vigo.

Durante o debate, a concelleira María Xosé Caride cualificou de "incomprensible e despropósito" a proposta de Zona Franca de recomprar eses terreos cando é o goberno autonómico o titular de boa parte deles e quen debería cedelos á Universidade. Mentres, o popular Miguel Fidalgo responsabilizou da situación ao alcalde de Vigo por non "facer nada por recuperar eses terreos para os vigueses" e Rubén Pérez de Marea propuxo a cesión por 75 anos por parte do goberno autonómico aínda que manteña a súa titularidade.

Ademais, a Corporación deu o visto bo, co apoio de Marea e a abstención do PP, á moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a responder á cidadanía viguesa cubrindo os patios dos centros educativos públicos da cidade. Segundo expuxo a concelleira de Educación, Olga Alonso, hai 25 centros vigueses que solicitaron esa obra e o "único" patio exterior cuberto que hai na cidade fíxoo o alcalde cando é responsabilidade do goberno autonómico. Teresa Egerique, concelleira popular, asegurou que a Xunta leva investidos 15 millóns de euros nos centros educativos e demandou ao goberno local que especificase os centros e obras requiridos mentres Margarita Pérez, de Marea de Vigo, agradeceu ao Concello que cubrise o patio mencionado e esixiu á Xunta que "cumpra cos seus deberes".