Escoitar

O presidente da FEMP insta ao Goberno a acollida inmediata de refuxiados en situación de extrema vulnerabilidade.

A Xunta de Goberno da FEMP, presidida por Abel Caballero, acordou pedir ao Goberno de España a acollida urxente de refuxiados en situación de extrema vulnerabilidade, e pon a disposición todos os medios con que conta a Federación nesta materia, como son a Rede de Municipios de Acollida de Refuxiados e a oficina de Coordinación Municipal de Axuda ao Refuxiado.

xoves, 28 xul 2016
1469725465femp.JPG
O texto da declaración dos órganos de goberno da FEMP, que será remitida ás comisións de traballo correspondentes para a súa ampliación, contempla "instar ao Goberno de España que en aplicación de Lei 12/2009, reguladora do Dereito de Asilo, e do artigo 21 da Directiva sobre condicións de acollida (2013/33/UE), de 26 de xuño de 2013, proceda a inmediata acollida das persoas desprazadas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade e risco vital". Pídelle igualmente que, no ámbito das institucións de UE, proceda "a urxir a acollida de todas as persoas desprazadas de acordo cos compromisos xa adquiridos, tendo en conta que as xa inadmisibles condicións de vida que sofren nos campamentos provisionais en que se atopan instalados, téñense agravado nos últimos días pola inestabilidade política" dalgún dos países nos que estes campamentos se atopan radicados.

Superávit
Por outro lado, no seu informe ante o Consello Territorial da FEMP, o alcalde de Vigo recordou o bo facer dos Concellos a hora de administrar as súas contas e empraza ao próximo mes de setembro os vindeiros contactos para presentar a fondo a flexibilización do teito de gasto e a apertura do abano de posibilidades de utilización do superávit dos municipios, limitado agora a determinadas inversións financeiramente sostibles.

"En setembro imos incidir nesta cuestión, sen deixar de lado as nosas demandas de recoñecemento constitucional das competencias locais e a reivindicación dunha lei de financiamento local que se estableza de forma paralela á futura norma de financiamento autonómico".

Neste sentido, volve insistir no "esforzo que os concellos teñen feito durante estes anos, e que se traduce en superávit e en redución da súa débeda, e todo isto, ademais, en medio da dificultade engadida por unha norma tan limitativa como a LRSAL".

Tanto na Xunta de Goberno como no Consello Territorial celebrados hoxe, aprobáronse definitivamente as contas do exercicio 2015 da Federación, principal motivo da convocatoria extraordinaria de ámbolos órganos de goberno.

A celebración das dúas reunións coincide coa publicación por parte do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas das liquidacións definitivas pola Participación nos Tributos do Estado correspondentes a 2014, superior aos 900 millóns de euros a favor das Entidades Locais e Entes Asimilados.
Descargar todas as imaxes