Escoitar

O goberno de Vigo amplía o Servizo de Axuda no Fogar para atender a cen persoas máis

O alcalde de Vigo anunciou este venres a aprobación do expediente de contratación deste programa de atención social en domicilios particulares, un contrato de case 5 millóns anuais que se amplía para ofrecer 5.000 horas máis cada mes de atención, o que permitirá atender a un total de 800 persoas, cen máis que na actualidade.<br />

venres, 15 xul 2016
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres a aprobación, na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar, cuxa principal novidade é a ampliación do servizo en 5.000 horas mensuais para poder atender a cen usuarios máis.

Segundo explicou Caballero, o goberno de Vigo aprobou o expediente e os pregos de condicións dun contrato a catro anos licitado en case vinte millóns de euros, a razón de case cinco millóns en cada exercicio. Co Servizo de Axuda no Fogar, o Concello ofrece atención a persoas e familias no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu entorno habitual.

O rexedor valorou que o novo contrato inclúe 5.000 horas máis ao mes de servizo, o que permitira á administración que preside atender a unhas cen persoas máis. Actualmente os beneficiarios deste programa ascenden a uns 700, que pasarán a 800 unha vez entre en funcionamento o novo contrato.

Deportes
Outros asuntos salientables acordados na Xunta de Goberno Local afectan ao ámbito deportivo. O alcalde informou da licitación das obras para instalar un novo céspede nos campos de fútbol de Comesaña e Monte da Mina, en virtude do convenio rubricado entre Abel Caballero e Carmela Silva en representación do Concello e da Deputación.

Tal e como explicou o primeiro edil, a contratación das melloras no campo do Comesaña parte cun orzamento de 205.000 euros, mentres que as de Monte da Mina, en Castrelos, conta con 191.000 euros.

O acordo entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra suporá a renovación de sete campos de fútbol base vigués, cun investimento total de 600.000 euros a afrontar a partes iguais entre os gobernos vigués e provincial. Os recintos incluidos neste convenio son os do Sárdoma-Moledo, da Guía, Meixoeiro, A Bouza, Santa Mariña, Comesaña e Monte da Mina.

Por último, e tamén relacionado co mundo do deporte, o goberno de Vigo aprobou o expediente de contratación para a prestación de servizos nas pistas municipais de atletismo de Balaídos. Con algo máis de 31.000 euros, o Concello contrata as tarefas de control de acceso dos usuarios, mantemento básico, limpeza e apertura e peche das instalacións.