Escoitar

O alcalde entrega as chaves das súas novas vivendas aos afectados de Rosalía de Castro 2

xoves, 26 dec 2002
imx2170.jpg
Sinatura dun dos afectados
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, entregou as chaves das súas novas vivendas aos inquilinos afectados polo proxecto de urbanización de Rosalía de Castro 2. Son 18 as familias que terán que abandonar os seus domicilios para que se poida prolongar a rúa Rosalía de Castro. O Concello ofreceulles vivendas de protección oficial na rúa Anduriña, que puideron adquirir pagando unicamente entre 12.000 e 15.000 euros, aproximadamente a metade do seu custo. A cantidade restante terá que aportala a Xunta de Compensación de Rosalía de Castro 2.

En canto os inquilinos abandonen as súas vellas vivendas para trasladárense á rúa Anduriña, comezarán as obras de demolición dos inmobles situados nese ámbito. O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, salientou que este é outro exemplo do modelo de xestión urbanística que realiza o goberno municipal e que calificou como “social”. Castrillo subliñou que coa prolongación de Rosalía de Castro vaise aportar un beneficio ao conxunto da cidade, ao sanear e urbanizar unha zona degradada con infravivendas no centro de Vigo, preservando ao mesmo tempo o dereito a unha vivenda digna dos afectados pola obra.

O proxecto de prolongación de Rosalía de Castro prevé ampliar esa rúa ata a súa confluencia con García Barbón, a apertura dun novo vial entre García Barbón e o Areal e a construcción dunha praza pública. Baixo a nova rúa ubicarase un aparcamento público.
Descargar todas as imaxes