Escoitar

O Concello de Vigo inicia unha campaña de recollida de vidro "porta a porta" nos negocios de hostalería do Casco Vello

Abel Caballero, Carmela Silva e David Regades acompañados de Germán Fernández, representante da empresa Ecovidro presentáronlle esta mañá os hostaleiros do barrio histórico da cidade a posta en marcha dun servizo de recollida de vidro porta a porta. O alcalde agarda que esta iniciativa sexa un éxito no Casco Vello e que se poida estender a continuación a outras zonas da cidade.

mércores, 9 mar 2016
1457533277limpeza.jpg
O rexedor municipal, acompañado de Carmela Silva e David Regades, mantivo unha xuntanza informativa cos hostaleiros do Casco Vello para darlles conta, entre outras, dunha acción encamiñada a facilitarlles a recollida selectiva dos residuos xerados polos seus negocios. En palabras do propio alcalde "creemos que esta acción será un éxito e sabemos que contamos con toda a colaboración dos hostaleiros e será a primeira de moitas outras que levaremos a cabo para cambiar o xeito de recollida en diferentes zonas da cidade".

Esta campaña que irá acompañada da decoración dos contedores de vidro por toda a cidade con motivos relacionados coa Festa da Reconquista, consistirá na recollida porta a porta dous dias a semana do vidro xerado polos negocios de hostalería do Casco Vello. Ademais con motivo da celebración desta Festa, se realizará durante esa fin de semana unha recollida especial para facilitarlles o traballo neses días nos que milleiros de persoas se achegan o Casco Vello.

Pola súa banda Carmela Silva quixo agradecer "o enorme esforzo das mulleres e homes que arriscando, en moitos casos, o seu propio patrimonio para levar adiante os seus negocios conseguiron que o Casco Vello se teña rehabilitado non só arquitectonicamente senón tamén socialmente nos últimos anos" converténdose nun referente para as viguesas e vigueses e para todos cantos nos visitan".

Por último, David Regades felicitouse polo alto nivel de participación na enquisa previa a esta campaña na que participaron 70 negocios desta zona emblemática da cidade e que e "unha mostra do compromiso dos hostaleiros vigueses co medio ambiente".

Ademais Germán Fernández, representante de Ecovidro, empresa colaboradora nesta campaña relatou os aspectos máis técnicos desta acción e informou os hostaleiros dos pasos a seguir para poder participar, e anunciou tamén que aqueles que se acollan a este novo servizo participarán nun sorteo de diferentes premios e agasallos.

Caballero enfatizou que este é soamente o primeiro paso, e unha proba piloto para ir cambiando "progresivamente, a forma de entender a recollida de residuos na cidade, xa que en zonas como esta o impacto xerado polos contedores na rúa é moi negativo, e por tanto dende o Concello temos que facer todo o necesario para mellorar o aspecto dun barrio histórico que atrae a centos de miles de visitantes ao ano e por tanto é o escaparate da nosa cidade cara ao exterior".

Descargar todas as imaxes