Escoitar

Abel Caballero pide a "derrogación" da reforma local tras a "desautorización" do Constitucional

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP valorou a "fortísima desautorización" do Tribunal Constitucional ao anular parte da reforma impulsada polo goberno de Rajoy da lei local e volve solicitar a súa derrogación. Caballero saudou en particular que o TC avale as competencias municipais en política social e asistencial.

mércores, 9 mar 2016
Abel Caballero reclamou este mércores de novo a derrogación "do conxunto" da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local tras a "fortísima" desautorización" por parte do Tribunal Constitucional, que anulou varios preceptos da norma. En declaracións aos medios, reiterou que a sentencia do Tribunal Constitucional supón un "golpe irreversible" á citada normativa e frea a "pretensión" do Goberno Central de "minimizar a capacidade de acción dos concellos". Na súa opinión, o TC avala que as administracións locais poidan seguir aplicando políticas sociais, educativas e de atención primaria.

Segundo o presidente da FEMP, esta resolución ten "unha dimensión política elevadísima" e "acaba de dicir que os concellos progresistas tiñan razón". Neste punto, reclamou o inicio dos trámites para a derrogación do conxunto da lei "porque é un dislate, unha vulneración da Constitución por parte de Rajoy en contra dos concellos".