Escoitar

A UNED aproba os oito novos grados solicitados polo Concello para a sede de Vigo

Segundo informou este mércores Abel Caballero, a dirección da Universidade Nacional de Educación a Distancia aprobou onte a impartición en Vigo dos grados de Estudos Ingleses, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Pedagoxía, Xeografía e Historia, e Historia da Arte. Sumaranse aos cinco que xa se ensinan na cidade.

mércores, 14 out 2015
O alcalde, Abel Caballero, informou este mércores da aprobación por parte do órgano director da UNED das oito novas titulacións solicitadas polo Concello de Vigo para a sede da urbe, estudos que se sumarán aos cinco graos que xa se imparten: Dereito, Enxeñería en Tecnoloxías da Información, Enxeñería Informática, Turismo e Educación Social. En total, Vigo acollerá trece carreiras da UNED.

A reunión do Padroado da UNED, celebrada onte, levaba na súa orde do día a aprobación das novas carreiras, que saíu adiante por unanimidade. Caballero explicou ademais que a dirección do Padroado deu luz verde ao traslado da sede viguesa da UNED ao Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo -decisión adoptada polo Concello- onde ocupará uns 2.500 metros cadrados de superficie e onde o goberno local habilitará "unha gran sala de lectura", de uso para todo Vigo, con máis de 200 postos. "Vai ser a máis importante área de lectura de todo Vigo", concluíu Caballero.