Escoitar

O Concello aproba a redacción do proxecto de urbanización da Avenida de Europa

A Xerencia de Urbanismo dará luz verde este xoves á contratación da redacción do proxecto de urbanización da marxe dereita da Avenida de Europa, dende o cruce de Tomás Paredes ata a Avenida de Samil, que terá un custo de 125.000 euros. Para o alcalde a urbanización desa vía "será un dos grandes desenvolvementos de Vigo", que está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que figura nos orzamentos para o ano 2016, cando se iniciará o proceso de expropiación que se vai negociar cos propietarios dos terreos.

martes, 13 out 2015
Abel Caballero anunciou esta mañá que, coa aprobación dos orzamentos da Xerencia de Urbanismo, se dará luz verde á redacción do proxecto de urbanización da Avenida de Europa, que terá unha cuantía de 125.000 euros e que suporá a construción de todo o trazado da marxe dereita desa vía desde o cruce de Tomás Paredes ata a Avenida de Samil.

Para o alcalde "será unha grande obra da cidade, un dos grandes desenvolvementos que imos facer e que está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal". Vaise realizar en varias fases e prolongarase uns anos. Engadiu tamén que a urbanización da marxe dereita da Avenida de Europa será unha parte importante do grande eixe da cidade que "sae na estación do AVE, sobe e baixa pola Gran Vía continuando pola Avenida de Castelao e seguindo pola Avenida de Europa ata Samil".

Segundo explicou Caballero, o Concello iniciará a obra co proxecto de urbanización que estará incluído nos presupostos para o vindeiro ano e que sairá a concurso cando estes se aproben. Por iso, asegurou que "neste mandato iniciaremos unha parte dese trazado mediante expropiación, que imos negociar cos propietarios co sistema que se empregou noutras zonas da cidade", isto é, "recoñecendo a súa edificabilidade a cambio da cesión gratuíta do espazo que formará parte do desenvolvemento público".