Escoitar

Caballero fará "todo o que haxa que facer" para favorecer aos enfermos, ás familias e ao persoal no uso do hospital

Nun encontro mantido este mércores no Concello con representantes da xunta de persoal do CHUVI, o alcalde asume a responsabilidade de mellorar a situación de uso do hospital e solicítalle ao presidente Feijóo que "hoxe mesmo tome a decisión de facer gratuíto o aparcamento do novo hospital". Ademáis considera que é necesario que se paralice de xeito inmediato a instalación do laboratorio de referencia no Meixoeiro para situalo en Beade.

mércores, 9 set 2015
1441803916ReunionXuntaPersoal.JPG
Tras o encontro mantido na mañá deste mércores con representantes da xunta de persoal do CHUVI, Abel Caballero anunciou que "asume e vai facer todo aquilo que teña que facer no hospital e na súa contorna para favorecer aos enfermos, aos usuarios, ás familias, a quen visita aos enfermos e ao persoal. Absolutamente todo o que haxa que facer". Transmitiulle esta intención á xunta de persoal e vai explicarllo tamén á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, segundo explicou o rexedor.

Na xuntanza, o goberno local e a xunta de persoal abordaron as cuestións que deben ir resolvéndose de forma inmediata. O alcalde explicoulles que o Concello xa lle pediu ao presidente da Xunta que rectifique e que, en primeiro lugar, "tome a decisión hoxe mesmo de que o aparcamento sexa gratuíto para traballadores, enfermos, usuarios e familiares. Para todos. Hai 3000 prazas."

En canto ás decisións técnicas que propón a xunta de persoal para mellorar o Álvaro Cunqueiro, o alcalde considera que a máis inminente é "a paralización da instalación do laboratorio de referencia do Meixoeiro, a seis quilómetros do novo hospital, e poñela no hospital de Beade que necesita ese laboratorio como un elemento central, paralizando a licitación que está en marcha". Caballero explicou que a ausencia do laboratorio "costará vidas tal e como din os médicos profesionais , non o digo eu".

Ademais, o Concello e a xunta de persoal do hospital acordaron constituír un grupo de traballo para axustar os horarios do transporte urbano de Vitrasa ás necesidades dos usuarios das liñas que comunican a cidade co Álvaro Cunqueiro, referíndose en concreto á liña H1, sobre a que se percibe a conveniencia de adiantar media hora o seu percorrido. Un asunto que abordarán as concellerías que dirixen David Regades e Ángeles Marra cos representantes do persoal do centro sanitario, que tamén estarán convidados a participar nas reunións que o rexedor vigués manteña cos profesionais sanitarios que están solicitando encontros para expoñerlle as súas problemáticas. Esta decisión enmárcase na vontade de traballo coordinado entre o goberno local e a xunta de persoal.

O Concello e a xunta de persoal do CHUVI coincidiron á hora de valorar a manifestación do pasado xoves día 3 como a "máis multitudinaria" que se fixo nunca en Vigo e que se converteu para o rexedor no "clamor colectivo dun territorio de máis de medio millón de persoas que reclaman un hospital público de 1.450 camas cun laboratorio central de referencia, con dotacións, con aparcamento gratuíto, con todo o que un hospital público debe ter".
Descargar todas as imaxes