Escoitar

O Pleno reclámalle á Xunta a gratuidade do aparcamento do novo hospital e o seu retorno ao ámbito público

As dúas mocións presentadas polo grupo municipal socialista foron aprobadas por maioría absoluta cos votos favorables do PSdeG-PSOE e da Marea de Vigo e coa oposición dos concelleiros do Partido Popular. Así, o Pleno do Concello de Vigo, celebrado este martes, insta ao goberno galego a tramitar o carácter gratuíto do estacionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro e a iniciar o proceso para reverter o centro ao ámbito público amais de dotalo do laboratorio central da área sanitaria de Vigo.

martes, 8 set 2015
A sesión ordinaria do mes de agosto do Pleno da Corporación Municipal de Vigo celebrada hoxe martes serviu para aprobar dúas mocións presentadas polo grupo municipal do PsdeG-PSOE referidas a posta en marcha do novo hospital Álvaro Cunqueiro.

Na primeira das mocións, aprobada cos votos a favor do grupo municipal socialista e do grupo da Marea de Vigo e cos votos en contra do Partido Popular, o goberno local insta á Xunta de Galicia a que proceda, con carácter inmediato, á tramitación da gratuidade do aparcadoiro do centro "polo impacto relevante que ten sobre os doentes, acompañantes e profesionais o cobro abusivo do estacionamento, algo que incide nos dereitos, na economía e na accesibilidade dos pacientes á sanidade pública".

Coa aprobación da segunda moción presentada polos socialistas, o Concello vigués solicítalle ao goberno galego que "inicie o proceso de reversión ao ámbito público do novo hospital de Vigo, amais de dotalo do Laboratorio Central da Área Sanitaria de Vigo e corrixir tódalas deficiencias construtivas e técnicas denunciadas polos profesionais". Así mesmo, o Pleno demanda da Xunta de Galicia que "paralice o traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro ata que se poida desenvolver con tódalas garantías técnicas e asistencias para os pacientes e os traballadores". A moción contou cos votos favorables do grupo municipal socialista e o da Marea de Vigo e coa oposición do Partido Popular.