Escoitar

O goberno de Vigo reservará aparcamentos para deixar e recoller aos nenos nos colexios

O alcalde mantivo este martes unha reunión con responsables de 80 colexios vigueses e anunciou que o 1 de xuño comeza esta experiencia piloto en 13 centros educativos da cidade, co obxectivo de implantar o plan de tráfico no resto o próximo curso. Caballero indicou que as medidas, personalizadas con cada centro, inclúen unha reserva de aparcamento ás horas de entrada e saída aos colexios.

martes, 19 mai 2015
1432052009coles.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou esta mañá unha reunión con directores e responsables das ANPAS de 80 colexios da cidade para deseñar un plan de tráfico que mellore a circulación e o estacionamento nas inmediacións dos centros ás horas de entrada e saída dos alumnos, así como a seguridade destes.

Caballero xa mantivera unha reunión previa con representantes de 13 centros nos que se implantará, desde o 1 de xuño, esta experiencia piloto, coa finalidade de detectar melloras para aplicalas na totalidade dos colexios vigueses cando comece o novo curso escolar. No mes de xuño arrancará este plan provisional na Compañía de María – Enseñanza, Maristas, María Auxiliadora – Salesianos, García Barbón, Vicente Risco, Amor de Dios, Illas Cíes, Escultor Acuña, Doutor Fleming, Lope de Vega, María Inmaculada – Carmelitas, Colegio San Miguel e Padre Míguez – Calasancias.

O plan, elaborado cos propios colexios, prioriza o aparcamento aos coches que deixen ou recollan aos escolares, eliminado zona azul onde exista e reservando prazas de estacionamento gratuítas nas horas de entrada e saída de cada colexio. O Concello xa ten deseñada a sinal de tráfico a instalar nos centros.

Ademais, segundo avanzou Caballero, haberá presenza policial ás entradas e saídas dos colexios para regular o tráfico, e se implantará un sistema de rotación de vehículos nas prazas reservadas para deixar e recoller aos estudantes. O rexedor non desbotou a posibilidade de "reforzar a infraestrutura" nalgúns colexios, por exemplo facendo unha rotonda ou con novos pasos de peóns, dentro do plan de tráfico. Nunha segunda etapa, apuntou o alcalde, se estudaría a opción de incorporar voluntarios e/ou Coidadores de Barrio que axuden e apoien aos pais e estudantes.
Descargar todas as imaxes