Escoitar

O Bus promocional de Vigo visitará nove cidades de España e Portugal

venres, 4 mai 2001
imx189.jpg
Oviedo será a primeira das nove cidades que compoñen a xira en recibir o bus promocional de Vigo. O vindeiro luns a Concellería de Turismo comenzará o seu labor de promoción da oferta turística viguesa no ovetense Paseo dos Álamos, no campo de San Francisco, para, posteriormente, dirixirse a Gijón, León, Zamora, Valladolid, Salamanca, Lisboa, Porto e Braga, cidade na que rematará a xira promocional o mércores día 16.

Esta campaña de promoción turística forma parte dun paquete de medidas posto en marcha pola Concellería de Turismo para favorecer o crecemento do sector e facilitar así a súa consolidación como un dos tres grandes motores económicos da cidade.

“ O noso gran reto é a competitividade: por iso actuamos sobre a oferta, mediante os plans de excelencia, para elevar a calidade dos servicios, e a creación dunha imaxe de marca: e agora facémolo sobre a demanda, coa nosa presencia nas principais feiras profesionais e con campañas de información directa en orixe, mediante o bus promocional e con presencia nos medios de comunicación da cada unha das cidades que visitamos” asegura a concelleira de Turismo, Dolores Villarino.

A concelleira considera que a presencia do bus promocional nos lugares máis céntricos das cidades que se visitarán será fundamental para o crecemento do sector turístico vigués, que se nutre, en gran medida, de turistas das provincias limítrofes a Galicia e dos excursionistas de Portugal.
Descargar todas as imaxes