Escoitar

Novo impulso ás obras de humanización

luns, 10 feb 2003
imx2314.jpg
O Calvario
O goberno municipal deulle un novo impulso ás obras de humanización das rúas da cidade aprobando máis proxectos de obras que se executarán nos próximos meses. A Comisión de Goberno acordou sacar a concurso a terceira fase de humanización do Calvario, a remodelación dos treitos superiores de Velázquez Moreno e Eduardo Iglesias e a ampliación de beirarrúas da rúa do Carme.

A terceira fase de humanización do Calvario abrangue o treito da rúa Urzaiz comprendido entre Aragón e Martínez Garrido. O presuposto estimado para este proxecto é de 870.000 euros. Na actualidade estase executando a segunda fase (Gregorio Espino-Leon) deste proceso de humanización que supón unha radical transformación da rúa Urzaiz no barrio do Calvario. O propósito do goberno municipal é o de que, en canto rematen os traballos da segunda fase comecen, sen pausa, os da terceira.

Outro dos programas do goberno vigués, converter o contorno da rúa do Príncipe nunha gran área comercial, cultural e dotacional que represente dignamente a imaxe de Vigo como cidade turística, cultural e polo de atracción comercial, acaba de dar un paso máis coa aprobación dos proxectos de reforma dos treitos superiores das rúas Velázquez Moreno e Eduardo Iglesias, os que unen Progreso coa Rolda D. Bosco. Ámbalas ruas terán un tratamento semellante. Renovaranse os servicios, colocarase pavimento de pedra, ampliaranse as beirarrúas e instalarase novo mobiliario urbano. O presuposto para estas duas actuacións é de 243 mil euros.

Outra obra máis que se vai contratar de inmediato é a de mellora e ensanche das beirarrúas na rúa do Carme. Trátase de renovar e ampliar unhas beirarrúas que actualmente só teñen metro e medio de ancho e pola que transitan multitude de persoas que utilizan as instalacións deportivas municipais situadas nesa zona. O presuposto neste caso é de 133.000 euros.

Por outra parte, neste mesmo mes comezarán os traballos de remodelación da rúa López de Neira, no seu treito máis cercano a Príncipe.
Descargar todas as imaxes