Escoitar

Estrea documental "O Piloto" de Xosé Reigosa

O martes día 3 de marzo, ás 20:00 h estrease no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) o documental "O Piloto", realizado por Xosé Reigosa e con guión de Alfonso Eiré; o acceso é con entrada libre ata completar aforamento.

luns, 2 mar 2015
1425298170opiloto.jpg
O día 10 de marzo cúmprense 50 anos da morte de Xosé Luís Castro Veiga. Coñecido popularmente como O Piloto, foi o último guerrilleiro morto en combate en todo o estado español. Pero non foi só o "último guerrilleiro", senón que xa era un mito aínda en vida. Odiado por uns, amado por outros, o seu ronsel e as súas fazañas aínda seguen presentes na memoria do pobo.

Neste documental falan medio cento de persoas, compañeiros, enlaces, apoios e xentes que tiveron relación con el, para ben ou para mal. Tamén se dan a coñecer documentos inéditos que mudarán para sempre a visión deformada que se veu dando historicamente deste guerrilleiro: as relacións co PCE, as principais accións, por que sobreviviu tanto tempo, as causas de continuar a loita, que facía nos últimos anos... E unha entrevista realizada no 1979 á súa compañeira Mirelle.

Sen dúbida, unha achega que botará luz á nosa historia recente, descoñecida, cando non ignorada ou deturpada.
Descargar todas as imaxes