Escoitar

A FEMP eloxia o "bo facer e a boa xestión" do Concello de Vigo en materia de transparencia

O Índice de Transparencia 2014, elaborado pola organización Transparencia Internacional, situou ao Concello de Vigo como a cidade máis transparente de Galicia, con 95 puntos sobre 100. A Federación Española de Municipios e Provincias, segundo revelou hoxe xoves o alcalde, remitiu un escrito de felicitación no que agradece o "exemplo" vigués e o invita a sumarse á Rede de Entidades Locais pola Transparencia y Participación Cidadá.

xoves, 12 feb 2015
Abel Caballero revelou esta mañá o contido dunha carta remitida polo secretario xeral da FEMP na que felicita ao Concello de Vigo polos resultados obtidos na edición 2014 do Índice de Transparencia elaborado pola organización Transparencia Internacional, estudo que sitúa á cidade olívica á cabeza das galegas con 95 puntos sobre 100.

Segundo expresou o rexedor, a Federacion agradece no texto o "exemplo" vigués para outros concellos polo "bo facer e a boa xestión" en materia de transparencia e invita ao Concello a participar na Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Cidadá, creada no seo da propia FEMP o pasado mes de decembro.

Caballero recordou as conclusións do Índice de Transparencia nos municipios, con Vigo á cabeza das cidades galegas con 95 sobre 100 puntos, obtendo a máxima puntuación en parámetros como transparencia económica e financeira, Urbanismo e Obras Públicas. "Estamos entre as institucións públicas máis transparentes", asegurou. A puntuación media dos concellos en España situouse dez puntos por debaixo da viguesa, mentres que o resto das urbes galegas obtiveron os seguintes resultados: A Coruña, 83,8 puntos; Santiago, 66,3; Ourense, 90; Pontevedra, 43,8; Lugo, 72,5; e Ferrol, 71,3 puntos.