Escoitar

"A máquina de escribir. Colección Sirvent" nova exposición da Casa das Artes

O xoves, 12 de febreiro, inaugúrase ás 20:00 h na planta baixa da Casa das Artes a exposición "A máquina de escribir. Colección Sirvent". Promovida pola Concellería de Cultura, Festas e Museos e comisariada por Alfredo Sirvent e Mónica Maneiro, permitirá ao espectador achegarse ao universo da máquina de escribir en relación á súa importancia histórica no desenvolvemento do mundo da industria e o traballo.

mércores, 11 feb 2015
1423656440maquinaescribir.jpg
O papel da máquina de escribir na oficina, a importancia dos talleres de restauración ou a relación entre o universo das máquinas de escribir e o deseño contemporáneo, son algúns dos eixes temáticos a partires dos cales se estrutura a mostra. A exposición internase tamén en fitos importantísimos da historia da máquina de escribir no mundo e no noso país, como o xurdir da división dedicada á fabricación da casa Remington, a importancia da casa Underwood, a posta en funcionamento da fábrica da máquina Hispano-Olivetti en España ou a aparición das máquinas de escribir eléctricas, e a revolución que significou a aportación da empresa IBM coa súa máquina de bola para o desenvolvemento da máquina de escribir nas últimas décadas da súa existencia.

Exemplares como unha Malling Hansen danesa do ano 1867, a Hogar modelo index fabricada en Alacant no 1921, un exemplar da International Electromatic modelo Hektowriter de 1933 ou unha das Type Writer de Sholes & Glidden fabricada en 1873, son algunhas das máquinas que poderán admirarse na exposición. Xunto a isto, pósters, ferramentas, libros, pezas de artista e moitos outros elementos relativos ao universo das máquinas completan a mostra.

A mostra tamén conta cun espazo dedicado ao póster que deixa entrever como as máquinas non só gardan valor pola súa calidade estética e a historia que albergan, senón porque arredor delas construíuse durante décadas un universo estético no que participaron algúns dos máis importantes deseñadores gráficos do seu tempo, dando lugar a interesantes imaxes publicitarias que poboaban os espazos de tendas e oficinas e que hoxe en día son un documento interesantísimo en canto á súa capacidade de reflectir o gusto e as modas das distintas décadas que viviron a súa historia.

Esta exposición está construída a partires da Colección Sirvent, unha das máis importantes coleccións españolas e internacionais entorno ao universo da máquina de escribir. O 10 de agosto de 1940, e despois de ter dedicado anos ao traballo na delegación española da empresa americana Underwood, Alfredo Sirvent abriu na cidade de Vigo un taller de mantemento e servizo técnico de máquinas de escribir. Vinte anos máis tarde, o seu espazo xa se convertera nun lugar clave en todo o relacionado cos servizos técnicos arredor da escritura, como a mecanografía, o aluguer de máquinas, o mantemento e a restauración. Desa actividade, e da paixón contaxiada aos seus fillos, xurde a Colección Sirvent, unha colección que abrangue non só arredor das 4.000 máquinas de escribir, senón que tamén garda un gran núcleo de carteis e obxectos relacionados coa súa venda, promoción, utilización e reparación, así como moitos elementos que teñen que ver coa máquina como produto e coa influencia da súa imaxe na estética do século XX.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 5 de abril
Descargar todas as imaxes

Máis información