Escoitar

O Concello incorporará "elementos de smart cities" na humanización de García Barbón

Anuncióuno o alcalde nunha visita hoxe xoves ao comezo dos traballos de reforma da Avenida, entre República Argentina e Serafín Avendaño, unha humanización que inclúe tecnoloxía novidosa como un punto de recarga de móbiles e baldosas con LEDs nos pasos de peóns, conectadas coas fases semafóricas. O goberno local inviste 2 millóns neste tramo.

xoves, 22 xan 2015
1421931805garcia.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou a incorporación de "elementos de smart cities" como a principal novidade da humanización da Avenida García Barbón, xa iniciada na súa primeira fase cun investimento algo superior aos 2 millóns de euros e un prazo de execución estimada en 6 meses.

Segundo explicou ante os medios, o goberno local disporá baldosas luminosas con luces LED nas paradas de transporte público -brancas, serigrafiadas co símbolo do autobús- e nos pasos de peóns, conectadas aquí coas fases dos semáforos (vermella e verde). Neste aspecto, o Concello contempla a instalación dun punto de recarga de teléfonos móbiles e unha fonte accesible.

A humanización inclúe unha mellora na eficiencia enerxética mediante a renovación completa da instalación do alumeado con lámpadas de baixo consumo, das canalizacións de saneamento e abastecemento e a execución dunha rede de baixa tensión e outra de telecomunicacións soterrada, para substituir ás actuais conduccións de fachada. En total, Caballero destacou o cambio de 3,5 quilómetros de canalizacións soterradas.

O proxecto estipula un total de 3.265 metros cadrados de superficie de beirarrúas de granito, 15 refuxios axardinados para os colectores de basura, 140 metros lineais de xardineiras lineais e curvas, 13 novas árbores e bandas conmemorativas nos edificios e elementos emblemáticos. Caballero adiantou que a próxima fase da humanización da Avenida comezará no verán e chegará ata Sanjurjo Badía.
Descargar todas as imaxes