Escoitar

O goberno de Vigo adica case 1,9 millóns á terceira fase da humanización das Camelias

Este luns deron comezo os traballos da reforma do tramo da Avenida que une as prazas da Independencia e de América, cun investimento de 1.866.000 euros. Durante unha visita, o alcalde explicou que as Camelias contará con máis superficie para beirarrúas, novas canalizacións e 108 novas árbores.

luns, 19 xan 2015
1421672459camelias.JPG
O goberno local deu hoxe luns comezo as obras de humanización dun novo treito da Avenida das Camelias, entre as prazas de América e da Independencia, unha terceira fase que conta cun orzamento próximo aos 1,9 millóns de euros e un prazo de execución estimado en catro meses.

Tras a reforma da Avenida desde a Praza da Independencia ata Doctor Marañón, o Concello arrancou este luns co seguinte tramo, que racionalizará os carrís de circulación, aumentará os espazos verdes, ampliará as beirarrúas, mellorará o alumeado e incorporará novo mobiliario urbano.

Segundo explicou Caballero, o proxecto contempla beirarrúas de granito gris e vermello e a renovación de case 2.500 metros lineais de novas canalizacións soterradas, de abastecemento, saneamento e rego. O Concello instalará 14 novos puntos de luz -tanto nas beirarrúas como na mediana- e 49 luminarias LED, cambiará a sinalización semafórica e sumará 15 papeleiras, 8 bancos e un total de 108 árbores máis (27 cedros limón e 81 camelios).

O alcalde recordou que nas dúas primeiras fases da humanización da Avenida das Camelias, xa executadas, o goberno de Vigo investiu case que 2,5 millóns de euros, e adiantou que no segundo semestre do presente ano se acometerá a reforma do tramo restante, entre Doctor Marañón e a Praza do Bicentenario. Abel Caballero asegurou que actualmente son 60 as humanizacións en marcha en toda a cidade, tanto no centro como nos barrios e parroquias.
Descargar todas as imaxes