Escoitar

Concello e SOS Xustiza organizarán unha xornada técnica en defensa do partido xudicial de Vigo

Hoxe luns, o goberno local e a plataforma sectorial puxeron de manifesto a súa oposición ao anteproxecto de lei que privaría a Vigo da súa autonomía xudicial e acordaron celebrar unhas xornadas técnicas para trasladar a posición dos profesionais sobre a afección da lei na cidade, segundo anunciou o alcalde.

luns, 14 abr 2014
1397477213justicia.JPG
A reunión celebrada este luns entre Abel Caballero e os responsables de SOS Xustiza rematou, explicou o rexedor, coa "ratificación" das "demandas" da cidade sobre o anteproxecto de lei orgánica do Poder Xudicial, que condena á desaparación do partido xudicial vigués ao concentrar nas capitais un único Tribunal de Instancia con ámbito de actuación provincial.

Concello e entidade defenden, en primeiro lugar, a retirada do anteproxecto de lei -pese a depositar nesta opción poucas esperanzas dada a maioría absoluta da que goza o PP no Parlamento de España- e, como segunda alternativa, que a provincia conte con dous tribunais de instancia, un para o norte con sede en Pontevedra e outro para o sur encabezado en Vigo.

De esixir o Ministerio unha única sede de referencia en cada provincia, ésta debe estar "indefectiblemente" en Vigo, atendendo a todos os "parámetros" -poboación, número de causas xestionadas...- e seguindo a propia filosofía e argumentos da lei. Asegurou Caballero que, neste contexto, Vigo proporciona "máis racionalidade, máis proximidade aos cidadáns, máis aforro e máis dilixencia, polo tanto, reúne as características centrais" que esixe o ministro Gallardón na normativa elaborada.

En cuarto lugar, definido de "moi importante" polo alcalde, Concello e Asociación reclaman que "Vigo ten que ser sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" pois o anteproxecto obriga á desaparición das audiencias provinciais, co que as apelacións concentraríanse no TSXG, localizado en A Coruña. Caballero defende que Galicia siga o modelo andaluz e conte con dúas sedes, ben partido o actual á metade ou desdobrando todas as salas.
Descargar todas as imaxes