Escoitar

O Concello cederá dúas vivendas protexidas en aluguer a persoas con discapacidade e renda baixa

O alcalde anunciou hoxe venres o inicio do procedemento para adxudicar por concurso dous pisos municipais en Teixugueiras a familias con discapacidade e renda inferior a 1,5 veces o IPREM. En 15 días estarán listas as bases para abrir, sete días despois, o prazo de inscripción. O Concello alugará sen coste as vivendas por 24 meses.

venres, 28 feb 2014
Segundo informou este venres Abel Caballero tras a celebración da Xerencia de Urbanismo, o Concello de Vigo iniciou o procedemento para adxudicar por concurso dúas vivendas de titularidade municipal na rúa Teixugueiras a persoas con discapacidade e renda baixa.

Os dous pisos son os que quedaron sen adxudicar do concurso convocado polo Concello para realoxar temporalmente a familias vítimas de desafiuzamentos, sete vivendas das que foron alugadas cinco por non haber máis solicitantes que cumpriran os requisitos. As dúas restantes están adaptadas para persoas con mobilidade reducida e serán alugadas a familias con membros con discapacidade e rendas económicas iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM e patrimonio inmobiliario con valor catastral inferior a 30.000 euros.

Abel Caballero avanzou que en quince días estarán elaboradas as bases do concurso para, unha semana despois, poder abrirse o prazo de inscripción aos solicitantes. O Concello non cobra aluguer algún aos beneficiarios, que so deberán facerse cargo dunha fianza e dos gastos de consumo e de comunidade, e cederá o piso por 24 meses prorrogables por outros seis, de continuar cumprindo os requisitos ao remate do contrato.

Por outra banda, o alcalde explicou que a Xerencia de Urbanismo desta mañá deu conta da concesión de 12 licenzas de obras e 2 de actividade para un investimento de 468.000 euros. Subliñou Caballero os permisos de derrubos concedidos a Unión Fenosa de tres vivendas en Camiño de Sabarís para a futura subestación eléctrica de Balaídos e á Zona Franca doutros tres inmobles no ámbito de ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Matamá-Valladares.