Escoitar

O Concello adxudica por 800.000 euros a xestión da Biblioteca Neira Vilas

O goberno local deu luz verde á adxudicación da xestión da Biblioteca Neira Vilas, do espazo Vigosónico e dos servizos de vixiancia e seguridade da rede museística da cidade. Así o avanzou o rexedor durante unha rolda de prensa na que cifrou en máis de 3 millóns de euros o importe destas decisións.

xoves, 16 xan 2014
A Xunta Local de Goberno adxudicou provisionalmente por 818.000 euros a contratación dos servizos bibliotecarios para a Biblioteca Neira Vilas por unha duración de tres anos prorrogables outros tres. O rexedor destacou o bo funcionamento destas instalacións que paso de ter 52.000 usuarios en 2011 a 123.000 só un ano despois.

Outra das adxudicacións provisionais ás que se referiu o rexedor foi á da contratación dos servizos da xestión do centro de usos múltiples Vigosónico, durante 4 anos prorrogables outros 2, cun importe de 408.000 euros. Esta instalación municipal da cabida aos ensaios de máis de 100 grupos e máis de 400 usuarios.

Por último, tamén se adxudicaron os servizos de vixiancia de seguridade e mantemento de instalacións de seguridade en centros e actividades da rede museística expositiva da cidade. O contrato é de tres anos, por un importe de 1.789.000 euros e os recintos incluídos son os seguintes: Museo Quiñones de León, Pinoteca Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura e o Verbum.