Escoitar

O Concello investirá en política social e emprego as novas taxas a grandes empresas de servizos

O Pleno aprobou definitivamente hoxe xoves a modificación da ordenanza ás compañías de telefonía móbil e da taxa ás empresas polo uso das galerías soterradas municipais, co apoio de PSOE e PP e a abstención do BNG. Por estes conceptos, o goberno de Vigo prevé recadar 775.000 euros o próximo ano, que investirá en política social, educativa e emprego.

xoves, 19 dec 2013
A sesión extraordinaria do Pleno da Corporación municipal de Vigo celebrada hoxe xoves acordou aprobar definitivamente-cos votos de socialistas e populares, e a abstención nacionalista- a modificación da ordenanza que regula a taxa ás empresas de telefonía móbil e a que gravará ás compañías que empregan as galerías soterradas de titularidade municipal.

O voceiro socialista, Carlos López Font defendeu as dúas ordenanzas así como a política fiscal do goberno local, que levou á cidade a converterse na "menos endebedada de España" e a incrementar o apoio aos cidadáns con menos recursos. Pola contra, Font criticou a actitude doutras administracións do PP, tras anunciar constantes subas de impostos e rebaixas das achegas do Goberno Central, momento no que solicitou ao PP de Vigo que reclamen a Xunta e administración estatal plans sociais e de emprego como os que está a desenvolver o Concellon cun Plan Social que axudou a 1.500 familias e 16,5 millóns de investimento en xeración de emprego.