Escoitar

O goberno de Vigo adicará un millón de euros a melloras no estadio de Balaídos

O alcalde explicou este luns que o Concello reparará os contrafortes da grada de Río, substituirá a cuberta e arranxará os soportes da mesma, e mellorará os accesos e a iluminación da nomeada área. O goberno local reserva un millón para Balaídos dos seis disponible grazas ao superávit conseguido no ano 2012.

luns, 16 dec 2013
Abel Caballero avanzou que a Xunta de Goberno Local aprobará o mércores as propostas de investimento con cargo aos seis millóns de euros de superávit do Concello no ano 2012, entre os que sobresae o millón para a mellora do estadio municipal de Balaídos.

Segundo o proxecto, detallado polo rexedor esta mañá, o Concello reparará os contrafortes da grada de Río, o que consistirá no arranxo das zonas deterioradas como consecuencia dunha "evidente" falta de mantemento desde 1982, ano de apertura da mesma. Acometerase mediante o picado do formigón danado, limpieza, pasivado e reforzado da estrutura.

Na mesma bancada, o Concello substituirá a cuberta actual e reparará a estrutura soporte da mesma. O goberno local mellorará igualmente os accesos á grada, no pavimento e na iluminación, para gañar seguridade e eficiencia enerxética. Caballero concluíu afirmando que a administración que preside acometerá, dentro do millón de euros orzamentado, as reformas precisas para que o estadio poida finalmente cumplir coa Inspección Técnica de Edificios.

Abel Caballero, ao respecto da reforma de instalacións deportivas, denunciou o "abandono" da Deputación de Pontevedra, que leva gastado 16 millóns de euros na mellora do estadio pontevedrés de Pasarón mentres que o de Balaídos non recibiu nin un euro do organismo provincial.

Outros investimentos
O rexedor esbouzou as liñas xerais dos investimentos municipais con cargo ao superávit do 2012 que pasarán pola Xunta de Goberno Local o mércores e polo Pleno da Corporación o 9 de xaneiro para a súa aprobación inicial.

Caballero apuntou que as parroquias de Vigo recibirán aproximadamente dous millóns de euros, os barrios históricos percibirán 360.000 euros, 420.000 euros irán adicados para renovar o céspede dos campos de fútbol de Travesas e Samil, 300.000 euros para mellorar a accesibilidade dos colexios de Vigo e outros 400.000 euros para o parque infantil de Castrelos.