Escoitar

Caballero anuncia para 2014 o inicio dos trámites para que as Cíes sexan Patrimonio da Humanidade

O Concello lanza a candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade e, o 1 de xaneiro de 2014, iniciará unha tramitación que requerirá da "mobilización absoluta de toda a cidade", en verbas do alcalde. Caballero confía en conseguir o nomeamento e define ás Cíes como un "enclave natural de valor universal sen igual en todo o planeta".

luns, 18 nov 2013
1384779943cies.jpg
Abel Caballero avanzou este luns que "imos lanzar a candidatura das Illas Cíes para constituirse en Patrimonio da Humanidade" da UNESCO, por ser un "enclave natural de valor universal sen igual en todo o planeta" e xogar un papel medioambiental "excepcionalmente notable".

O goberno de Vigo inicia por tanto a tramitación, un "procedemento complexo e longo" -estimado por Caballero en tres anos- que precisará dun planteamento de partida do Concello como promotor da idea para despois ser trasladado á Xunta de Galicia e, á súa vez, ao Goberno de España.

O alcalde detallou que a candidatura requerirá dunha "mobilización absoluta de toda a cidade", colectivos e institucións, que dará comezo o 1 de xaneiro. O mes e medio restante de 2013 será empregado para concluir coa planificación, xa "relativamente avanzada", tal e como asegurou.

Caballero puntualizou que Galicia ten outras tres candidaturas en marcha -a Ribeira Sacra, a ruta norte do Camiño de Santiago e os Ancares- ás que Vigo respalda e coas que non quere competir. O alcalde ofreceu o apoio de Vigo ás tres e adiantou que "imos medir os tempos" para que a opción de Cíes como Patrimonio da Humanidade sexa "singular e non entre en competencia con estas nominacións, que nos encantaría que a conseguiran".
Descargar todas as imaxes