Escoitar

Caballero defende a aposta polas enerxías renovables fronte á crise económica

O Concello, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e FAIMEVI organizan o 18 e o 19 de setembro no Auditorio Municipal as Xornadas Técnicas Galegas de Enerxías Renovables, presentadas hoxe xoves na Alcaldía e nas que prestixiosos profesionais e empresas especializadas abordarán o presente e o futuro da enerxía sostible.

xoves, 12 set 2013
1378987571renovables.JPG
A organización destas xornadas, que dan continuidade ás realizadas o pasado ano tamén na cidade, é para o alcalde de Vigo unha "satisfacción polo nivel importante técnico e profesional" que reúnen e, ademais, por ser unha "vocación" do goberno que preside. "A crise puxo ás renovables no segundo plano pero o certo é que o sentido común e a visión de futuro sinalan que temos que seguir moi atentos ás enerxías renovables, son irrenunciables para nós neste Concello", asegurou Caballero, quen avanzou máis medidas de eficiencia enerxética xunto ás xa realizadas desde o goberno local.

O alcalde presentou este xoves este evento xunto ao vicedecano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrais de Galicia, Constantino García, e ao director da Fundación FAIMEVI. Durante o 18 e 19 de setembro, prestixiosos profesionais do sector e algunhas das principais empresas especializadas abordarán as novidades tecnolóxicas en cada modalidade de enerxía renovable (sol, vento, auga, terra, aire, biomasa...) e avaliarán o presente e o futuro das mesmas, tras as últimas medidas do Goberno de España que provocaron recortes nas axudas á producción.

O programa para os 125 asistentes dará comezo cunha sesión sobre o financiamento dos proxectos para continuar co estudo das distintas especialidades da enerxía e concluir cunha mesa redonda que analizará a situación actual e as perspectivas de futuro desta industria. Xunto á organización, esta cita conta co patrocinio de empresas de ámbito nacional e internacional e asociacións profesionais, ademais da colaboración de colexios profesionais e escolas técnicas, asociacións, clústeres e centros tecnolóxicos, e revistas técnicas.
Descargar todas as imaxes