Escoitar

Caballero di que a Vigo Cup 2013 "combinará o mellor do fútbol local con equipos doutras comunidades e de Portugal"

O alcalde presentou hoxe xoves a decimoterceira edición da Vigo Cup, o torneo internacional de fútbol base para nenos e nenas de 7 a 16 anos que naceu co novo século e que este verán, con finais no estadio municipal de Balaídos, verá en competición un total de 194 equipos de medio cento de clubs. Este ano o número de entidades deportivas inscritas creceu nun 20% respecto de 2012.

xoves, 27 xuñ 2013
1372351344vigocup.JPG
"Ademais dos futbolistas notables que saíron da Vigo Cup, casos de Borja Oubiña, Jonathan Pereira, Diego Mariño, Thiago Alcántara, Rodrigo ou Jonny, o que me preocupa son os mozos e mozas que non se van a dedicar profesionalmente ao fútbol. Neste torneo adquiren e recollen valores moi importantes". Para o xefe do goberno municipal, este torneo "combina o deportivo co espírito de equipo, co lecer e coa nobreza do deporte".

A Vigo Cup xógase do 1 ao 7 do vindeiro xullo (de luns a domingo, como é tradicional) e moverá a uns 2.600 participantes. As competicións en xogo son para categorías sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16. Todas mixtas. Ademais, celébrase o torneo de Damas, aberto a calquera idade. Son campionatos de fútbol 7 salvo as divisións sub 14 e sub 16, de fútbol 11.
A fase clasificatoria (liguillas por grupos) vai do 1 ao 3 (luns a mércores). Serán 332 partidos. Logo, o sistema é de eliminatoria a partido único tanto na fase polo título como na de consolación. En total, xogaranse máis de 500 partidos.

Na rolda de prensa, o alcalde definiu a Vigo Cup como "un gran certamen futbolístico no que se combina o mellor do fútbol da cidade con equipos doutras comunidades autónomas e de Portugal". De Madrid e Castela-León chegan uns 300 participantes co Liceo Sport, o Real Salamanca Monterrey e a Cultural Leonesa; de Portugal, igual número de nenos e nenas do Vilanovense (Vila Nova de Gaia), GOE (Lisboa) e Cova da Piedade (Almada, Setúbal); norte e sur lusos cítanse en Vigo. "Gañamos en número de clubs", sinalou Belarmino Alonso, "Milucho", responsable das escolas deportivas municipais de fútbol e unha das cabezas visibles da organización do torneo xunto co coordinador do mesmo, Ignacio Cabaleiro.

Caballero tamén destacou o torneo de penaltis patrocinado por Warrior, que calificou de "iniciativa moi interesante". E chanceou coa pena máxima errada onte por Uruguay ante Brasil na Copa Confederacións. O rexidor, que ao comezo da conferencia de prensa fixo algún pinitos co balón oficial do torneo, explicou que "a Vigo Cup fomenta, ademais da competición, a formación do deportista", polo que nas categorías sub 7 e sub 8 xogadores e xogadoras "reciben medallas por igual", gañen ou perdan.

Milucho destacou tamén que grazas a este torneo en Navia creouse un club de fútbol. "Os mozos do barrio entraron un ano na Vigo Cup e a continuación creouse o Navia. E en mozas, un grupo competiu na Vigo Cup para coñecer Vigo, porque tralo partido subíanse ao bus turístico para ver a cidade... e agora acadaron o título de Copa na súa categoría federada". Grazas ao acordo da organización con Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano vigués, todos os participantes acceden gratis ás liñas de autobuses coa presentación da súa acreditación do torneo.

Na quenda de intervencións dos patrocinadores, Jaime Abella, xerente de "Faro de Vigo", asegurou que o seu medio ten o obxectivo de "contar e poñer en valor aos rapaces, que estes días teñen o seu protagonismo. Faro quere apoiar o deporte base de Vigo". Serafín Alonso, director xerente da Fundación Celta, alineouse co explicado polo alcalde sobre os futuros vigueses e viguesas e dixo que o obxectivo é "promover unha serie de valores do deporte entre os pequenos e os mozos", mentres que Pablo Tojeiro (Warrior) lembrou que a súa firma de roupa deportiva leva agora ao Liverpool de Iago Aspas e que quere "manter" o seu apoio ao torneo, do que Juan Andonegui (Frutas Nieves) confirmou que "é dos máis importantes que hai en categorías de formación".

O torneo xogarase en nove campos do término municipal (O Vao, A Pirucha, As Relfas, A Bouza, Baltasar Pujales, Samil, Municipal Pahiño, A Guía e Monte da Mina), coas finais en Balaídos.
Descargar todas as imaxes