Escoitar

As ordenanzas para 2013 manteñen a Vigo como a cidade galega con menor presión fiscal

A Corporación aprobou este luns as ordenanzas fiscais para 2013 cos votos do PSOE e o BNG e a oposición do PP. A concelleira de Economía e Facenda explicou que o Concello aplica un 2,1% de IPC, conxela as taxas das escolas infantís, asistencia domiciliaria, auga e autobús, e mantén as exencións e bonificacións existentes ata agora.

luns, 17 dec 2012
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou hoxe luns as ordenanzas fiscais relativas ao 2013, despois do periodo de alegacións, cos votos de socialistas e nacionalistas e a oposición do Partido Popular.

Segundo os datos do Ministerio de Facenda ofrecidos pola edil de Economía e Facenda, Raquel Díaz, Vigo é a cidade galega cunha menor presión fiscal, un 25% inferior á da Coruña, un 30% menos que a de Ourense e un 38% con respecto a Santiago de Compostela.

As ordenanzas aprobadas inclúen a conxelación nominal das taxas das escolas infantís municipais e do servizo de asistencia domiciliaria, do que se benefician 600 familias. Tampouco varían o prezo do autobús urbano nin o recibo da auga na súa parte municipal, o que supón un millón de euros de aforro para os vigueses neste último concepto. Díaz demandou á Xunta de Galicia que retire o novo canon autonómico que incrementará o tarifa da auga nun 30%.

O Concello mantén as bonificacións e exencións xa existentes no lixo -que libera do seu pago a 4.000 familias-, rebaixa nun 90% o importe da taxa de actividade aos locais comerciais con menos de 150 metros cadrados de superficie, segue a bonificar durante dous anos o 75% do imposto de vehículos aos coches con baixas emisións, reduce un 3% o IBI ás 3.000 familias que se acollan ao pago fraccionado, desconta un 20% a taxa de lixo a oficinas e un 10% aos negocios afectados pola suba estatal do IVE do 8 ao 21%, como por exemplo as papelerías. O Concello inclúe unha bonificación do 25% nos abonos mensuais e anuais das piscinas municipais, un 50% no caso de familias numerosas.

Raquel Diaz indicou que o resto de taxas e impostos verán aplicado un IPC do 2,1%, o correspondente ao mes de abril, cando o actual está nun 3,4%. O goberno local continuará subvencionando o 92% do custe das escolas infantís e o 85% da escola de música. A concelleira socialista explicou que o Concello procura con estas medidas adoptar unha "política fiscal social".

O grupo municipal do BNG respaldou as ordenanzas por terse incluído as súas enmendas destinadas a minorar a carga fiscal aos que menos teñen, como a conxelación da auga e do autobús. Segundo explicou Iolanda Veloso, os nacionalistas avogan por un sistema fiscal "progresivo" e máis "xusto" que permita prestar servizos e apoiar aos máis necesitados.

O Partido Popular, pola súa banda, opúxose á suba do 2,1% dos impostos para 2013 e pediu unha reducción do gasto e non incrementar as taxas. Miguel Fidalgo censurou que o goberno local pague 2,3 millóns en intereses de créditos o próximo ano e abone 6 millóns á concesionaria da basura pese a incrementar o recibo en dous euros aos vigueses.