Escoitar

O Concello tramitará de urxencia a ampliación do PAU de Navia cando a Xunta corrixa a documentación

O alcalde, Abel Caballero, urxíu este luns á Xunta de Galicia a remitir ao Concello o documento correxido de modificación puntual do Plan Parcial de Navia, imprescindible para que o goberno local poida iniciar a tramitación das novas fases. O Concello agarda desde marzo pola documentación.

luns, 10 dec 2012
Abel Caballero explicou que o Concello de Vigo remitiu o 15 de marzo ao goberno autonómico as deficiencias detectadas no documentación de modificación do Plan Parcial, data desde a que o goberno local agarda a devolución do texto corrixido para poder iniciar a tramitación das novas fases en Navia.

O alcalde comprometeuse a tramitar de urxencia a ampliación do PAU en canto o Concello reciba a documentación subsanada. Caballero recordou que a administración local recibiu o 12 de setembro un escrito dos propietarios dos terreos das fases 3B, 4, 5 e 6 pedindo unha solución, ao ter afectado o solo e, polo tanto, non poder vendelo, edificar ou reparar as súas vivendas, mais continúan a pagar os impostos correspondentes á propiedade.

Caballero apuntou que a documentación aportada polos donos dos terreos foi reenviada á Xunta de Galicia con data 3 de outubro, recordándolles que continúa pendente a subsanación dos erros no documento de modificación do Plan Parcial. O primeiro edil denunciou que a Xunta de Galicia "segue sen cumprir os seus compromisos" coa cidade e urxiu á Xunta a resolver a cuestión porque causa perxuizo aos propietarios e aos demandantes de vivenda de protección.