Escoitar

Caballero di que o Cidade de Vigo de squash, en Balaídos, pretende "ocupar un espazo relevante" a nivel nacional

As seis pistas de squash da polideportiva de Balaídos reciben este mesmo serán (18:00 horas) e durante toda a xornada de mañá un torneo puntuable para o ranking nacional de squash, o que garante a súa presenza entre as cidades máis importantes do país nesta disciplina.

venres, 7 dec 2012
1354897317squash.JPG
Sesenta xogadores e xogadoras de varias comunidades autónomas competirán por un campionato que "será o primeiro dalgúns máis", segundo destacou Carlos Dafonte, o presidente do Vigo Squash, club organizador, que agradeceu o apoio de Concello e IMD para que este evento fose posible.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o torneo que patrocina o Concello acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, polo presidente do Vigo Squash e por Xisela Aranda, xogadora do club, campioa de España e capitá da selección nacional. "Queremos ocupar un espazo relevante neste deporte, e máis cunha xogadora deste nivel, mellor deportista de Vigo este ano polos seus méritos de 2011", sinalou o xefe do goberno municipal.

O evento era un obxectivo que a entidade estivo a piques de levar a cabo en 2011 e que agora puido definir. "Queriamos un referente para a base porque contamos cunhas escolas deportivas moi boas. Ademais de Xisela e de Hugo Varela, internacionais, Adán López ou Cío García van dar moito de que falar no futuro", sostivo Dafonte. O Vigo Squash manexa 75 nenos e nenas nas escolas deportivas municipais 2012/2013.

Caballero, que chanceou con Xisela Aranda sobre o modo de coller a raqueta, non dubidou en dala como favorita ("animarémosche para que gañes", dixo) e felicitou á organización polo cartel do campionato, coa ponte de Rande como motivo de fondo, "porque pon en relevo a cidade e o deporte".

Aranda non ocultou a súa satisfacción por ter un torneo así en Vigo. "Veñen xogadores e xogadoras do resto de España, xogarei ante a miña xente e vou facelo para gañar; ademais, acabarei así a tempada na miña cidade", afirmou.

As finais están previstas para mañá ás 19:30 (feminina) e ás 20:00 horas (masculina). No cadro masculino destacan o santiagués Carlos Cornes, número 3 do ránking nacional; o vigués Hugo Varela (Vigo Squash), número 5 de España e internacional absoluto; Neil MacCarrow (de orixe irlandesa e número 1 de Andalucía); o portugués Rui Resende ou o exipcio Amir El Samahy, entre outros. Cornes e Hugo Varela (que vén de ser subcampión en Santander e terceiro en Pamplona) son os dúas primeiros cabezas de serie.

No feminino, Xisela Aranda, número 1 de España, é a favorita. Catuxa Codesido, número 4 do ránking nacional; Laura Valencia (nº7), a pontevedresa Sara Esperón (nº9) ou a catalá Marta Latorre tentarán desbancar a Xisela.
Descargar todas as imaxes