Escoitar

Presentados os resultados do Encontro de Usuarias de Casas de Acollida

luns, 15 xul 2002
imx1664.jpg
Martínez e Gandón
A concelleira de Muller, Ana Gandón, e a presidenta da Coordinadora de Mulleres contra a Violencia ”Ovarias”, Ánxeles Martínez, presentaron os resultados do I Encontro de Usuarias de Casas de Acollida. Gandón destacou que se produciron cambios favorables de orde política e social no tema da violencia contra as mulleres.

”A creación deste colectivo é un paso máis e unha forma de dicir que as mulleres víctimas da violencia saen adiante xa que todos temos unha responsabilidade no tema”, afirmou a concelleira.

Este encontro foi organizado pola Coordinadora de Mulleres contra a Violencia Ovarias coa colaboración da Concellería da Muller. Ovarias son un grupo de mulleres que sufriron violencia de xénero. Algunhas coñecéronse en Casas de Acollida e organizáronse en grupos de autoaxuda para falar, atopar a forza das outras, imaxinar formas de saír adiante e procurar tecer entre todas unha rede de apoio e solidariedade.

Neste encontro participaron durante dous días 31 mulleres usuarias e ex/usuarias das Casas de Acollida de Vigo, Ourense e Santiago, ademais de 3 monitoras e 1 monitor que atenderon a 13 nenas e nenos con idades entre os 3 meses e os 13 anos que acompañaron a suas nais.

O Encontro tivo como obxectivo a posta en común das diferentes experiencias de Acollemento para a posterior reflexión e análise do papel das Casas de Acollida dentro da Rede de Medidas contra a Violencia, aportando o debate sobre modelos de Acollemento e propostas de Xestión, unha nova mirada, a das usuarias dos recursos de acollemento.

Para conquerir este obxectivo organizáronse tres paneis de traballo:
- As Casas de Acollida. Recursos e funcionamento.
- A estancia na Casa de Acollida. Un antes e un despois.
- O Acollemento, modelos de organización interna. Adecuación e axuste.


CONCLUSIÓNS XERAIS

1.- Valoramos como o máis positivo da estancia nas Casas de Acollida a seguridade das Casas, a relación coas compañeiras, a sensación de calor, o persoal das Casas, o saber que esta situación non te pasaba a ti soa, sentirse acompañada, os achuches, o apoio que recibes, o non estar soa.

2.- Valoramos como o menos positivo o momento de saída da Casa, o persoal das Casas, os conflictos dentro da Casa, a permanencia do medo, a espera ás resolucións xurídicas.

3.- As Casas de Acollida son necesarias como un espacio de seguridade e de recuperación persoal, senón houberamos contado con este recurso non houberamos sido quen de romper co agresor.

4.- Todas nós reivindicamos a expulsión inmediata do agresor do fogar, no obstante consideramos que as Casas de Acollida teñen que seguir a existir como espacio imprescindible para recuperarnos da tortura sufrida, enfrentarnos ó medo e retomar a guía da nosa vida nun espacio seguro, sen presións nen hostigamentos.

5.- Entendemos as Casas de Acollida como un recurso da rede de saúde co engadido da seguridade, non dentro da rede de servicios socio-asistenciais.

6.- En canto a organización interna e o funcionamento das Casas de Acollida reivindicamos:

- Persoal que garantice a posibilidade de atención e coidado de fillas e fillos as 24 horas do día.

- Substituír a actual organización “doméstica” interna das casas baeada en xeral na realización por parte das usuarias das tarefas de mantenemento como comida, limpeza e lavado de roupas, por outra que nos descarge destas obligacións individuais e colectivas.

- En canto as normas de funcionamento interno pensamos que debe haber unhas básicas que regulen a convivencia, pero entendemos que polo xeral faise moito fincapé nos nosos DEBERES e moi pouco nos nosos DEREITOS, polo que o funcionamento interno das Casas debería ser mais democrático.

- Todas nós expresamos a necesidade de contar nas Casas de Acollida con recursos de axuda económica para as mulleres en situación precaria. Estas axudas non haberían de ser entendidas como préstamos, senón como dotacións económicas de dous tipos: axuda económica a saída da Casa coa que xa conta Vigo e Ourense, e axuda económica mensual concebida como “cartos de bolsillo” para as mulleres que non contan con ningún tipo de ingreso mentras esta situación dure.

Noutro orde de cousas constatamos que desde as Casas e desde os recursos de apoio trantan de integrarnos no mercado laboral, agora ben estes traballos “ofrecidos” desde as Casas son normalmente no servicio doméstico, xa que é neste sector onde é mais doado atopar traballo por ser mulleres, pedimos un esforzo por diversificar as ofertas para non profundizar no estereotipo deste “traballo válido para calqueira muller”.

Para rematar sinalar que ó ser o Primeiro Encontro deste tipo que se realiza na nosa Comunidade, o Encontro supuso ademais a posibilidade de coñecer e compartir non só a experiencia de acollemento, senón as problemáticas, as experiencias persoais e prestar apoio e solidariedade con compañeiras que tiñan sufrido e ainda sufren autenticos calvarios persoais.

A necesidade de buscar espacios de encontro repetindo a experiencia foi a primeira e mais importante conclusión destes dous dias de intenso traballo.

Descargar todas as imaxes