Escoitar

Presentación das obras de construcción do auditorio do Centro Cívico de Teis

venres, 12 xul 2002
imx1661.jpg
Beiras e Cabaleiro
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, presentou esta mañá as obras de construcción do Auditorio no Centro Cívico de Teis. As obras que están na súa primeira fase de construcción finalizarán dentro de 6 meses.

Este auditorio será o complemento do Centro Cívico, terá unha superficie de 900 metros cadrados e unha capacidade para 300 persoas. Dotarase dun patio de butacas e unha sala de exposicións.

Segundo a concelleira, “este Goberno está recobrando unha débeda histórica que tiña con Teis, é agora cando ó barrio lle está dando o que se merece co Centro Cívico e o Auditorio. A idea é que o auditorio entre a formar parte no circuíto cultural que ten o Concello de Vigo”.

No exterior destes edificios están proxectados unha pista polideportiva cuberta, un parque infantil e un centro de xogos. O Centro Cívico ademais de ter un salón social, disporá dun taller de cociña, un centro de formación e unha biblioteca con salas de lectura.

Tanto o Centro Cívico como o Auditorio están financiados polos presupostos da Concellería de Participación Cidadá, cun custo aproximado de 650.000 euros o auditorio e 200.000 euros o Centro Cívico.

Xornadas de portas abertas

Os días 12, 13 e 14 de xullo, vanse celebrar unhas xornadas de portas abertas do edificio de servicios comunitarios do Centro Cívico de Teis, ubicado no entronque do camiño de Cancelo co de Maceiras. O horario será o día 12 e 13 de 11:00 a 13:00 horas e pola tarde de 18:00 a 21:00.

Con motivo destas xornadas, o día 13 sábado, as 19:30 horas actuará o grupo de Cámara Belcanto, composto por 3 violíns e 1 chelo.

O horario de visita o día 14 de xullo será de 11:00 a 13:30 horas.
Descargar todas as imaxes