Escoitar

A Concellería da Muller patrocina un taller literario para narradoras

xoves, 11 xul 2002
A concelleira Ana Gandón e a directora da revista ”A Festa da Palabra Silenciada” asinaron un convenio de colaboración para a edición do número 17 da publicación e para a realización dun taller literario para narradoras.

Gandón destacou a consolidación da revista ”A Festa da Palabra Silenciada” como unha iniciativa cultural continuada e fixo especial fincapé na calidade das colaboracións sobre pensamento feminista con sinaturas moi recoñecidas, crítica literaria e publicación de textos poéticos. Subliñou tamén a posibilidade de que novas creadoras poidan publicar escritos nesta revista. O próximo número sairá no outono e distribiuranse 1.000 exemplares.

María Xosé Queizán explicou que a revista cumpriu un obxectivo importante xa que desfilaron por ela moitas mulleres invisibles noutras publicacións que demostraron que existían a través dos seus textos. Literarios e críticos falan xa da xeración da ”Festa da Palabra Silenciada” á que concorreron novas escritoras e outras xa consagradas.

”A literatura galega adoece de escritoras aínda que na primeira década deste século vai dar un pulo a narrativa feminina, polo que se estima necesaria a motivación e axuda á producción”, asegurou Queizán. O curso de narración desenvolverase nas aulas do Centro Cultural Caixanova.