Escoitar

Parques e Xardíns pretende pór en valor o entorno do Lagares cunha campaña de limpeza do río

mércores, 10 xul 2002
imx1647.jpg
Cartel
”Por un Lagares vivo” é o lema da campaña promovida pola Concellería de Montes, Parques e Xardíns en colaboración con Adega, Erva e Cespa co obxectivo de fomentar a concienciación cidadá para a recuperación do río. O programa comezará o sábado 13 de xuño cunha saída para limpar o río Lagares.

O concelleiro Henrique Vieitez fixo un chamamento á cidadanía para participar nesta limpeza do cauce, complementaria ás actuacións de recuperación das marxes do río emprendidas pola administración. A campaña, na que xa se inscribiron 60 voluntarios, participarán asociacións veciñais de Coruxo, Comesaña, Navia, Cabral, Lavadores e Val do Fragoso.

Os interesados en participar poden acudir o sábado 13 de xullo ás 10:00 á ponte de Cabral, fronte o antigo Cuartel de Barreiro, na ponte do Parque de Castrelos ou na Xunqueira de Samil. Trala limpeza manual do cauce do río depositarase o lixo en colectores para a posterior recollida polo servicio de limpeza.

Vieitez destacou que coas actuacións de recuperación das marxes xa se produciu o aniñamento de aves acuáticas, aumentou a biodiversidade, restableceuse o ecosistema e conseguiuse que o tramo da avenida de Castrelos á avenida de Madrid sexa lugar de lecer froito doutra campaña semellante. Unha cidade urbanizada como Vigo ten demanda destes espacios para o tempo libre, explicou o concelleiro.

A representante de Adega María Xosé Vázquez sinalou que só se pode conservar o que se coñece, polo que proporán mediante esta campaña conductas respectuosas co entorno. Despois desta limpeza, continuarase con charlas e roteiros para fomentar o coñecemento do río entre os colectivos veciñais e culturais.

Juan Ramón Alonso, da empresa Cespa que se dedica á conservación da marxe do río, explicou que é unha práctica habitual o apoio destas iniciativas para contribuír a mellorar o entorno natural. Poranse a disposición dos participantes luvas, botas de auga e bolsas para a recollida do lixo.
Descargar todas as imaxes