Escoitar

O alcalde reclama reformas no antigo cárcere de Vigo para que poida funcionar como Centro de Integración Social

martes, 9 xul 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclama que o antigo cárcere da cidade, situado na avenida de Madrid, se transforme nun auténtico Centro de Integración Social tal e como se anunciou cando os presos desta cadea foron trasladados, hai xa dous anos, á prisión da Lama. Por iso remitiulle unha carta a Angel Yuste, director xeral de Institucións Penitenciarias, na que lle manifesta a súa preocupación pola situación do edificio e dos servicios que se prestan no antigo cárcere da cidade.

Trala apertura do Centro Penitenciario da Lama, a cadea de Vigo converteuse “teoricamente” nun CIS, Centro de Integración Social. Sen embargo, dende ese momento só se realizaron no edificio traballos de mantemento, pero ningunha reforma estructural que facilitase a transformación do vello centro penitenciario nun centro de rehabilitación social. Lois Castrillo cre que o inmoble, que ocupa unha superficie de 10.000 m2, debe ser sometido a un proceso de reforma que permita axeitalo ás condicións que debe reunir un CIS.

Na carta dirixida á dirección de Institucións Penitenciarias, Lois Castrillo, expresa tamén a súa queixa pola falta de persoal para atender aos preto de sesenta penados en réxime aberto que acoden ao edificio da Avda. de Madrid. O alcalde reclama que se dote o centro do persoal necesario, sicólogos, educadores, para prestar debidamente o servicio de integración que lle corresponde.

O alcalde manifesta tamén a súa inquedanza polo aspecto externo do edificio. Castrillo cre que o contorno do inmoble debe ser acondicionado para que transmita a imaxe dun centro de integración social e non a dunha cadea.