Escoitar

As emisións das antenas de telefonía en Vigo están moi por debaixo dos límites máximos legais

luns, 8 xul 2002
A inspección encargada polo Concello para medir os niveis de emisión das antenas de telefonía móbil situadas en Vigo deu resultado que en ningún caso se acadan os límites de exposición establecidos pola lexislación vixente e recomendados polos organismos internacionais.

Hai algúns meses, ante o clima de inquedanza suscitado polos efectos que as emisións radioeléctricas podían ter sobre a saúde, o alcalde anunciou que se ían inspeccionar zonas sensibles da cidade onde se advertía a presencia de antenas de telefonía móbil. Entre esas zonas sensibles estaban as proximidades de colexios, centros asistenciais e parques públicos.

A inspección foi realizada polos servicios do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e supervisada pola Comisión Municipal de Telecomunicacións. En total fixéronse medicións en 16 zonas da cidade, repartidas polo centro, Coia, Lavadores, Teis, Bouzas, Castrelos e o Calvario. O resultado é que en todos os centros visitados cúmprense por unha marxe moi ampla os límites de exposición establecidos na normativa vixente.

Para máis seguridade, aos valores que se obtiveron nas medicións se lles engadiron os que resultarían do funcionamento das antenas a máxima potencia para comprobar cales serían os resultados nas peores condicións posibles. Aínda así, os valores seguían por debaixo dos niveis legais.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, á luz da inspección realizada, os veciños e veciñas de Vigo poden ter a seguridade de que na nosa cidade se están a cumprir as normas que regulan a telefonía móbil e que as antenas situadas na zona urbana non producen efectos negativos sobre a saúde das persoas.

Toba lembrou que en todas as zonas inspeccionadas as antenas estaban instaladas antes da aprobación da Ordenanza Municipal que regula a localización e funcionamento dos equipos de telecomunicacións. Esta Ordenanza, unha das máis avanzadas do Estado, está en vigor dende maio de 2001. Dende ese momento, en Vigo só se poden instalar grandes antenas emisoras con licencia e nos lugares expresamente determinados polo Concello.