Escoitar

A Concellería da Muller organiza o I Encontro de Mulleres de Casas de Acollida

venres, 5 xul 2002
A concelleira da Muller, Ana Gandón, inaugura o primeiro Encontro de Mulleres de Casas de Acollida, organizado pola asociación Ovarias, integrada por mulleres víctimas de malos tratos. No evento, que se desenvolverá o 5 e 6 de xullo, participarán 30 usuarias e ex-usuarias de casas de acollida de Galicia.

As mulleres porán en común a súa experiencia de vida nas casas, reflexionarán sobre o papel que este recurso xoga na loita contra a violencia de xénero e na protección das mulleres e debaterán sobre a adecuación e axuste destes servicios ás necesidades reais das mulleres que o precisan.

Estas 30 mulleres acudirán cos seus fillos/fillas menores: 17 nenas e nenos entre 1 e 13 anos que serán atendidos mentres se desenvolve o encontro por catro monitoras. O gran número de nenos inscritos evidencia unha das problemáticas que se agachan nas casas de acollida: a atención ós nenos e nenas e, ó mesmo tempo, as dificultades de encarar unha nova vida con menores dependentes.

O encontro desenvolverase en paneis, grupos de traballo e postas en común protagonizados polas propias participantes e responsables de Ovarias, a excepción do Panel 1, que contará coa participación das Directoras das Casas de Acollida de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense.

O lugar de celebración do encontro, nos arredores da cidade de Vigo, non se fará público para garantizar a seguridade das asistentes.