Escoitar

O Concello programa para mañá sábado unha ruta nocturna entre o Museo do Mar e Cabo Estai

O programa municipal de educación ambiental "Camiño a Camiño", organizado pola Concellería de Medioambiente, programa rutas nocturnas para mañá sábado e para o próximo 9 de xuño, previa inscripción no 010. O deste sábado parte do faro do Museo do Mar, en Alcabre, para rematar no faro de Cabo Estai.

venres, 1 xuñ 2012
Un dos obxectivos deste programa é dar a coñecer o entorno no que os cidadáns e cidadás de Vigo viven. Dende esta perspectiva, durante este primeiro semestre de 2012 lévase traballado a conformación da Ría de Vigo, a súa dinámica e a súa riqueza medioambiental. Nesta lóxica, un dos aspectos que resulta máis chamativo é a existencia dun importante número de sinais marítimas ao longo de toda a ría.

Precisamente profundar na cultura marítima e, concretamente, na cultura dos faros é o obxectivo das rutas nocturnas previstas para os sábados 2 e 9 de xuño, que partirán da Praza do Rei as 8:30 horas. Para inscribirse nestas rutas é preciso chamar ao 010.

Ruta do 2 de xuño: Faro do Museo do Mar a Faro de Cabo Estai
O primeiro dos días está previsto desprazarse dende o Museo do Mar, onde se sitúa o faro ou facho de Alcabre, ata Cabo Estai, onde se ubica o que se coñece como Radiofaro de Cabo Estai. Ata chegar alí pasearemos pola costa entre Alcabre e Samil, onde poderemos ver no mar dúas balizas no medio da ría, unha vermella que é a Baliza de Borneira, pegada á beira da vila mariñeira de Cangas, e unha verde que se atopa nos baixos que despide Cabo de Mar e que se coñece como Baliza do Baixo Tofiño.

Os fachos ou faros que se diseminan ao longo da costa non só teñen que ver ca sinalización dos puntos xeográficos da mesma que poideran implicar perigo de choque ou encallamento da navegación. Moitos deles teñen que ver cas rutas que as embarcacións teñen que tomar á hora de saír e entrar no porto e arribar, incluso, ao peirao. Son as sinais de enfilación, cuxos exemplos teremos a ocasión de contemplar en Canido e Cabo Estai, e ver cal é o seu funcionamento de man dos guías de "Camiño a Camiño".

A través de pescudas e indagacións, charlas con persoas como Pablo Carrera , exdirector do Museo do Mar de Vigo e actual investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, e como Luis Martínez, torreiro responsable do radiofaro de Cabo Estai, poidemos saber cal é o faro en activo máis antigo de Galicia, tal e coma se contempla no concepto moderno de baliza para o tráfico marítimo, o cal chega ata os nosos tempos dende a época da Ilustración Francesa. Trátase do faro da Guía.

Ruta do 9 de xuño: Faro de Monteferro a Faro de Cabo Silleiro
O segundo día abordarase o percorrido entre Monteferro e Cabo Silleiro, puidendo contemplar tamén os faros das Illas Cíes.