Escoitar
O programa beneficiaría directamente a 130 mulleres desempregadas

Emprego continuará o traballo de formación nos servicios sociais co proxecto “Abeiro”

martes, 24 set 2002
imx1789.jpg
Logo PME
A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego solicitará ó Fondo Social Europeo, por medio do Ministerio de Administracións Públicas, unha subvención para continuar co traballo que o proxecto “Asiste” leva a cabo na actualidade, no que mulleres desempregadas reciben formación para acadar a súa inserción no sector de servicios de atención a persoas con especiais dificultades. O programa de emprego, que se denominará “Abeiro”, especializarase en formar profesionais para atender a colectivos da terceira idade e con problemas de saúde mental.

A posta en marcha do “Abeiro” suporía un orzamento total de 660.000 € durante doce meses e beneficiaría directamente a 130 mulleres desempregadas e, indirectamente, coas prácticas profesionais en empresas e entidades, a 500 persoas maiores e enfermos mentais.

O “Abeiro” supón continuar, no Plan Municipal de Emprego, coa aposta pola formación de mulleres no sector dos servicios sociais como xacemento de emprego e pola participación en novos proxectos europeos relacionados co emprego. Neste senso, os resultados que ata agora se teñen do proxecto “Asiste” respaldan esa idea. Tanto no “Asiste”, como no “Abeiro”, hai que destacar o asesoramento en xestión empresarial que recibirán as persoas beneficiarias de cara á constitución de cooperativas, sociedades e outras modalidades.

A Comisión de Goberno, na súa derradeira sesión, aprobou o proxecto e decidiu asumir as obrigas económicas do Concello, que acadarán o 30% do custo total (198.000 €), sendo a subvención o 70% restante. A axuda económica solicitada enmárcase na chamada convocatoria “Subvención Global”, que tamén financia o proxecto “Asiste”.
Descargar todas as imaxes