Escoitar

Vigo conta dende hoxe cun edificio para as federacións deportivas

martes, 24 set 2002
imx1787.jpg
Visita ás instalacións
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o presidente da Xunta, Manuel Fraga, inauguraron o edificio que albergará as federacións deportivas con sede na nosa cidade. O inmoble foi construído mediante un convenio de colaboración asinado polo Concello coa Secretaría Xeral para o Deporte e a Deputación de Pontevedra.

No acto de inauguración, o alcalde afirmou que “era de xustiza dotar as federacións duns locais dende os que puideran realizar con máis eficacia o seu labor de promoción do deporte entre a mocidade”. Castrillo falou da extensa rede que forma a comunidade deportiva de Vigo e da necesidade de fortalecela proporcionándolle máis e mellores infraestructuras. Nese senso anunciou que o Concello está a preparar un novo Convenio de Infraestructuras Deportivas que agarda asinar proximamente coa Xunta e que lle dará continuidade ao traballo desenvolvido en anos anteriores para crear novos equipamentos deportivos na cidade.

O edificio, deseñado polo arquitecto Santiago González García, contou cun orzamento de 1.262.125 euros (210 millóns de pesetas) e está emprazado nunha parcela situada dentro do Peri II-12 Florida B. Ten unha superficie de 3.270 m2 e está dividido en tres andares e soto. Conta cun salón de actos de 182 m2, sala de reunións, aulas, aseos e almacéns. No soto albergaranse o aparcadoiro, cuartos de máquinas e do ascensor e maila sala de caldeiras.

Características técnicas

A cimentación é de pilotes de formigón armado baixo encepados de formigón e aceiro. A estructura realizouse con vigas e pilares de formigón armado con aceiro e forxados unidireccionais. No salón de actos a estructura da cuberta é de cerchas de aceiro.

O salón de actos leva un cerramento de ladrillo. Os módulos de oficinas rematáronse cunha subestructura de aceiro galvanizado e paneis dobres lisos de chapa de aceiro prelacada. O módulo da zona de comunicacións está cuberto por unha estructura metálica a base de vigas sobre as que se dispuxo un panel de chapa de aceiro prelacado. O soto pechouse con bloque braco hidrófugo revestido cun aplacado de pizarra.

Se ben no vestíbulo se realizou un chan de terrazo continuo, nos despachos colocouse linóleo e no salón de actos instalouse parqué de freixo.
Descargar todas as imaxes