Escoitar

Aprobadas máis obras de humanización no contorno do Museo de Arte Contemporánea

luns, 23 set 2002
A Comisión de Goberno aprobou o proxecto que permitirá a mellora do treito de Ronda de Don Bosco máis próximo ao Museo de Arte Contemporánea. A partir do mércores 25 de setembro cortarase ao tráfico este tramo para poder efectuar os traballos que mellorarán a calidade de vida dos veciños da zona.

As obras de humanización da rúa Progreso iniciáronse o pasado 26 de agosto e dispoñen dun presuposto de 409.638 euros (68 millóns de pesetas) ao que se engade unha subvención da Consellería de Industria de 234.000 euros (40 millóns de pesetas) para o tramo final de Ronda de Don Bosco. Ámbalas obras estarán rematadas na inauguración do Marco, o 16 de novembro.

A Ronda Don Bosco terá uso exclusivamente peonal ata a rúa Gil. Dende aí ata Progreso manterá un só carril de circulación. Todo o contorno do Marco será pavimentado con granito e contará con arborado e novo mobiliario urbano.

O concelleiro Uxío González explicou que o tramo de Progreso a Doutor Cadaval humanizarase a principios do vindeiro ano, para manter o compromiso adquirido cos comerciantes da zona e evitar as obras na tempada de Nadal.