Escoitar

Ábrese ao tráfico a rúa Chile, con predominio do uso peonal

venres, 20 set 2002
imx1778.jpg
Rúa Chile
As obras de humanización realizadas na rúa Chile consistiron na ampliación de beirarrúas, creación de dársenas de carga e descarga e acondicionamento con lastros das entradas aos garaxes. Esta actuación, na que o Concello investiu 237.458 euros, permitirá que a zona sexa máis cómoda para o paseo e un lugar de encontro para os cidadáns. Ademais, renovouse a rede de saneamento, canalizáronse os servicios de cable e gas e suprimíronse as barreiras arquitectónicas.

Estas obras enmárcanse nun plan de humanización que pretende conseguir máis comodidade para os peons en zonas nas que o coche era o único protagonista. Beirarrúas anchas, a presencia de elementos vexetais e a instalación de mobiliario urbano transformaron esta rúa que enlaza Camelias con Pi y Margall nun espacio máis cómodo e agradable para os viandantes. Isto contribuirá a mellorar a calidade de vida dos veciños da zona.

Estas obras realizadas na rúa Chile permitiron modernizar a rede de abastecemento de auga e saneamento, ofrecerlles aos cidadáns os servicios de gas e cable, renovar o pavimento da calzada, anchear as beirarrúas con novas losetas e colocar elementos vexetais e bolardos.

O Concello conseguiu que diversas operadoras de servicios financiasen o proxecto. A empresa R achegou 120.000 euros, Gas Galicia 90.000 euros e Seragua 30.000 euros, ademais do material necesario para modernizar a rede de abastecemento de auga e saneamento. Tralas obras, a calzada quedou reducida a 3,5 metros de ancho co fin de ampliar as beirarrúas o máximo posible, agás nas curvas para facilitar o xiro dos vehículos.
Descargar todas as imaxes