Escoitar
O vindeiro Pleno aprobará de forma definitiva o Pepri de Bouzas

O Plan Especial de Bouzas prevé máis zonas verdes e espacios sociais e culturais para o barrio

xoves, 19 set 2002
imx1776.jpg
Xabier Toba
O obxectivo esencial do Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Bouzas é o de facilitar a rexeneración dun dos barrios históricos da cidade para conseguir atraer novos residentes. O Plan, aprobado polo Consello da Xerencia de Urbanismo, establece mecanismos de protección dos edificios de máis valor arquitectónico, e prevé o incremento de zonas verdes e a dotación de servicios sociais e culturais. Isto potenciarase coa declaración de Área de Rehabilitación Integral, que permitirá a obtención de axudas, semellantes ás do Barrio Histórico, para a rehabilitación de vivendas.

O Plan duplica os espacios libres e zonas verdes para os que se destinarán 28.000 m2 e contempla a creación dun centro de saúde e outro para a terceira idade e dotacións culturais como un museo, unha casa da cultura e mais unha biblioteca. Estas actuacións desenvólvense en solo urbano consolidado. Ademais, permitirase a construcción de 2.000 vivendas e prevese a ampliación da rúa Simancas e a apertura de novos viais.

O concelleiro de Urbanismo, Xabier Toba, explicou que ”coa declaración de Área de Rehabilitación Integral, prevista para finais de ano, o Goberno municipal cumprirá o obxectivo de conseguir que o desenvolvemento do barrio de Bouzas quede ligado aos plans cuadrienais 2001-2005 mediante un convenio semellante ao do Casco Vello emprendido nestes últimos anos, con liñas de axuda para rehabilitar vivendas”.

Ademais, estúdiase a aplicación de medidas de carácter fiscal para Bouzas e o Barrio Histórico para complementar con procedementos financeiros a xestión urbanística.

Equipamentos

Proponse o mantemento da igrexa, capela do Carme, local da asociación de veciños e mercado. Ademais, crearase unha Casa da Cultura, biblioteca de adultos, biblioteca infantil, centro de día da terceira idade, centro de saúde e un museo.

Casa da Cultura. Na casa do patín da rúa San Miguel, a creación dunha Casa da Cultura é unha das máis antigas aspiracións da veciñanza, que constitúe un complemento axeitado para o centro veciñal e permite recuperar algúns dos edificios de máis interese da zona.

Biblioteca de adultos. Disporá de hemeroteca e sala de lectura.

Biblioteca infantil. Servirá como complemento da formación infantil e situarase na casa racionalista-modernista de Isidoro Romero y Caballero.

Centro de día da terceira idade. Situarase na casa demolida na alameda de Suárez-Llanos nunha posición de centralidade. Reúne mellores características de localización que o actual centro de benestar social, afastado de máis para os hábitos das persoas maiores.

Centro de saúde. Situarase no Polígono 5 no punto de encontro da alameda de Suárez Llanos e na alameda nova de Eduardo Cabello.

Museo Vila de Bouzas. Está formado por un conxunto de tres tipos diferentes de vivenda: tres casas terreñas e unha de solaina, todas elas de interese. Permite reunir o material histórico de Bouzas así como recuperar formas de vida que condicionaron a memoria histórica da vila.
Descargar todas as imaxes