Escoitar

En tres anos construíronse 11 novas pontes sobre o Lagares

martes, 2 xul 2002
imx1620.jpg
Visita ás obras
O alcalde de Vigo visitou as obras de construcción da nova ponte de Muíños, a última das 11 que se construíron sobre o Lagares nun periodo de tres anos a través dun Plan de colaboración do Concello de Vigo con Augas de Galicia que supuxo un investimento de preto de 6 millóns de euros.

O plan tiña como obxectivo modernizar pontes anticuadas, ancheándoas para facilitar o tráfico de vehículos, e dotándoas de beirarrúas e dun firme en boas condicións. Asemade, ampliáronse os “ollos” para que a auga do río flua sen obstáculos e as pontes non se convertan en presas nos momentos en que se producen avenidas de auga. Desta maneira evítase que se repitan inundacións que antes eran frecuentes en todo o curso do rio.

As pontes que se reformaron foron:

-Severino Cobas (2)
-Gandarón
-Ponte Segade
- Sárdoma
- Ponte Nova
- Travesía da Ponte Romana
- Ricardo Mella
- Muíños

Ademais construíronse dúas pontes peonais de madeira. Unha preto de Balaídos e a outra no camiño dos Carreiros, en Sárdoma. O Concello está a elaborar o proxecto para reformar outra ponte máis, a da baixada ao Pontillón en Castrelos.

A ponte de Muiños, que se abrirá ao tráfico esta fin de semana, cambiouse de lugar para recuperar unha antiga pontella (construcción tradicional galega) de pedra. A ponte de Muíños construírase no seu día sobre a pontella. Agora, co cambio de ubicación deixouse de novo ao descuberto. Ademáis, a pontella rehabilitouse co asesoramento dos técnicos de Patrimonio Histórico. A nova ponte, que ten unha estructura de ferro cuberta de formigón, esta preparada para que polo seu interior poidan instalarse servicios como a conducción de auga e de electricidade.

Descargar todas as imaxes