Escoitar

O Pleno aproba unha bonificación fiscal que permitirá fraccionar ou aprazar débedas inferiores a 400 euros

A nova bonificación fiscal municipal permitirá aprazar ou fraccionar ás débedas tamén inferiores a 400 euros para aquelas persoas sen ingresos durante alomenos seis meses, desempregados de longa duración e cunha renda inferior a dúas veces o indicador do IPREM. A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, levou este luns a modificación da ordenanza fiscal xeral ao Pleno da Corporación, tras a moción de urxencia nacionalista da pasada sesión.

luns, 26 set 2011
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns a modificación da ordenanza fiscal xeral do Concello para posibilitar fraccionar ou aprazar o pago das débedas inferiores a 400 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, a socialista Raquel Díaz, defendeu esta proposta na sesión plenaria deste luns, explicando que esta nova medida fiscal será de aplicación para aquelas persoas sen ingresos durante un mínimo de seis meses, desempregados de longa duración e/ou vigueses cunha renda inferior a dúas veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Os tres grupos políticos con representación municipal debatiron esta medida social, instada polos nacionalistas mediante unha moción de urxencia no pasado Pleno e aprobada hoxe cos votos a favor de PSOE e BNG, e a oposición do Partido Popular.