Escoitar

Abel Caballero invita a cidadanía a presenciar o ciclo de cine documental de AFAGA

O alcalde presentou este martes coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) esta inciativa do colectivo dentro das Primeiras Xornadas Temáticas sobre o Alzheimer. As datas de proxección dos documentais serán os días 14, 19 e 20 de setembro no Auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia. Ademais das proxeccións, a científica do CSIC Ana Martínez impartirá unha conferencia sobre os últimos avances na investigación de enfermidades neurodexenerativas.

martes, 13 set 2011
1315917172afaga.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, invitou este martes á cidadanía viguesa a participar nas Primeiras Xornadas Temáticas sobre o Alzheimer, organizado por AFAGA, que inclúen un ciclo de cine documental con tres datas na cidade.

Coa colaboración da Alcaldía de Vigo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA) ofrece un ciclo de cine documental sobre Alzheimer, que terá lugar no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, ás 20,00 horas.

O primeiro dos títulos, que se proxectará o 14 de setembro, será Bicicleta, Cuchara, Manzana, dirixida por Carles Bosch. Unha película dura pero optimista que narra a loita de Pascual Maragall e a súa familia contra a enfermidade dende o momento en que lle foi diagnosticad, en outono do 2007. Esta fita, producida no ano 2010, foi galardoada en varias ocasións: en xaneiro do 2011 recibiu o premio Gaudí e o premio José María Forqué á mellor película documental do ano, e en febreiro do 2011 recibiu o Goya á mellor película documental.

O segundo título do ciclo, que se proxectará o 19 de setembro, é Bucarest, la memoria perdida, dirixida por Albert Solé, un documental de 80 minutos sobre a memoria. Narra a busca persoal que fai Albert (un xornalista nacido no exilio en 1962) por recuperar as súas propias raíces, marcadas polo exilio. O seu pai, o político español Jordi Solé Tura, que acabaría converténdose en figura clave durante a Transición Española, foi obrigado a exiliarse pola súa militancia antifranquista a finais dos anos 50. Agora, Jordi iniciou un novo exilio interior, esta vez sen posibilidade de retorno: a loita contra o Alzheimer. A súa memoria pérdese día a día. Este documental pretende recuperar os recordos dunhas vidas atípicas, nos que se mesturan personaxes históricos como Santiago Carrillo, Jorge Semprún, Manuel Fraga ou Jordi Pujol, con episodios pouco coñecidos da loita contra o franquismo e da Guerra Fría.

Por último, o 20 de setembro péchase o ciclo de cine co documental Cuidadores, escrito e dirixido por Oskar Tejedor, un filme que se presentou en marzo deste ano en Madrid, Barcelona e as tres capitais vascas e que agora se estrea en Galicia, concretamente na nosa cidade, Vigo. Segundo o seu autor, este documental é o resultado dun "longo e arduo traballo co que homenaxea a todos aqueles que deixaron parte das súas vidas para facerse cargo de familiares con enfermidades dexenerativas". Reflicte os temores, medos e experiencias dun grupo de coidadores de familiares con enfermidades dexenerativas que se reúnen cada 15 días durante ano e medio. Fano de xeito lúdico para que lles sexa menos pesada a carga psicolóxica deste oficio que fan sen recibir nada a cambio, só a satisfacción de axudar a un ser querido.

Pecha estas interesantes xornadas Ana Martínez, investigadora do Instituto de Química-Médica CSIC. Esta experta impartirá o relatorio Fármacos efectivos para a enfermidade de Alzheimer, esperanza ou realidade?. A cita terá lugar o 21 de setembro ás 20,00 horas no Auditorio do Edificio Municipal de Areal (antigo Reitorado).
1315917172afaga.jpg
1315917180Cartel.jpg
Descargar todas as imaxes