Escoitar

O alcalde defende o papel referencial de Vigo na quinta Conferencia Mundial do Atún

Abel Caballero participou este luns na apertura da V Conferencia Mundial do Atún, que ten lugar en Vigo coa participación da ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar. O alcalde citou á pesca, ao Porto de Vigo e aos eventos mundiais que Vigo acolle -WFE ou Conxemar- como mostras da capacidade viguesa no sector e avogou pola eficiencia á hora de xestionar os recursos na pesca e na explotación.

luns, 12 set 2011
1315833477atun.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este luns o papel referencial da cidade no sector no marco da quinta Conferencia Mundial do Atún, que acolle hoxe e mañá o Centro Social Novacaixagalicia.

No acto de apertura, coa participación da ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar, o rexedor vigués indicou que as cifras de negocio e a capacidade de innovación converten a Vigo nunha urbe referencial a nivel internacional no sector.

Caballero recordou que o Porto de Vigo é líder mundial en tráfico de pesca para consumo humano e alberga eventos de referencia a nivel mundial neste ámbito de actividade, como a World Fishing Exhibition ou Conxemar, entre outros.

O alcalde vigués avogou por transmitir ás adminitracións públicas a vocación olívica polo mar e á actividade pesqueira e apuntou á eficiencia á hora de xestionar os recursos tanto na pesca como na explotación.

Esta conferencia, que ten por título "O futuro da industria atunera nunha contorna globalizada" e que organiza a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Marisco (Anfaco), reúne a representantes da industria atunera internacional, de países como España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Tailandia, Papúa Nova Guinea, Ecuador, Guatemala, Bangladesh, Costa do Marfil, Seychelles, EE.UU., Taiwan, Singapura, ou Colombia, entre outros.

Esta cita pretende ser un punto de encontro das empresas líderes a nivel mundial no sector extractivo, transformador e comercializador do atún, para que poidan desenvolver foros de análises e debate sobre aspectos de interese xeral.

Paralelamente a esta conferencia, reúnese a Asemblea Xeral de EUROTHON, a asociación que representa á industria atunera na Unión Europea, tanto a nivel de flota como de transformación.
Descargar todas as imaxes