Escoitar

O rexedor anuncia a "inmediata" posta en marcha do programa de préstamo de bicicletas

A Xunta de Goberno deu luz verde ao Programa Vigo Bici de préstamo de bicicletas na rúa. Trátase, explicou o alcalde, dun proxecto experimental polo que ata o 31 de decembro este servizo será gratuíto co obxectivo de "facelo popular" entre cidadáns e turistas. A partir do ano que ven entrará en vigor a ordenanza correspondente que ata o de agora no se poido poñer en marcha por "problemas administrativos".

venres, 26 ago 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres a "inmediata" posta en marcha do Programa Vigo Bici de préstamo de bicicletas. Explicou que se trata dun proxecto experimental que permitirá que o servizo sexa gratuíto ata o 31 de decembro, momento no que entrará en vigor a correspondente ordenanza reguladora que ata o de agora non funcionou por "problemas administrativos". Trátase, dixo, dunha continuación dun proxecto do anterior mandato previsto para facilitar a mobilidade no Casco Vello, que se vai ampliar coa extensión do servizo a outras áreas da cidade.

Para acceder ás bicicletas bastará con aportar un documento de identificación e o tempo permitido de uso será dunha hora, con posibilidade de renovar o tempo se hai vehículos dispoñibles "sempre co obxectivo é garantir a rotación", indicou.


Servizo de recadación executiva
A Xunta de Goberno, asimesmo, adxudicou o contrato do servizo de xestión de recadación executiva cun aforro anual de medio millón de euros. Aínda que a empresa que o vai xestionar é a mesma que o viña facendo ata o de agora, o cambio das bases do concurso, que reduce as comisións da empresa por cada xestión, "permítenos falar dun aforro dun 20%", indicou o alcalde. O contrato é de catro anos, prorrogable dous máis, co que ao final deste período "estaríamos falando dun custo menor de seis millóns de euros".

Convenio Universidade
Outro dos asuntos aprobados na sesión desta mañá pasa por un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para que os alumnos do máster en tradución multimedia fagan prácticas no Concello de Vigo. Segundo indicou Caballero, estes estudantes farán de intermediarios na área de turismo, favorecendo a integración dos usos de idiomas, fundamentalmente, o inglés.