Escoitar

O Concello contratará durante un ano a 15 mulleres vítimas de violencia de xénero

O Concello de Vigo contratará 15 mulleres vítimas dos malos tratos a cargo dun programa de cooperación entre Xunta e Entidades Locais polo que Vigo recibirá 209.643 euros. Así o anunciou hoxe o alcalde de Vigo, quen engadiu que o Concello tamén destinará 15.000 euros para subvencionar as actividades da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos

venres, 26 ago 2011
O rexedor municipal anunciou hoxe venres que o Concello contratará 15 mulleres vítimas de malos tratos con cargo aos Fondos de Cooperación entre Xunta e Entidades Locais. Así se decidiu na Xunta de Goberno que aprobou solicitar á Consellería de Traballo unha subvención de 209.643 euros para continuar cun programa que xa se ven desenvolvendo posto que "xa hai mulleres traballando no Concello con estes contratos" indicou. A contratación destas persoas será por un período de 12 meses, tendo previsto o inicio do proxecto o 1 de decembro deste ano.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á concesión dunha subvención de 15.000 euros para á Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos, cumprindo, deste xeito, o compromiso que o alcalde asumiu con responsables da asociación hai uns días. Na súa comparencia cos medios, Caballero lembrou a preocupación que naquel momento lle transmitiron os membros do colectivo "xa que a Xunta lles reduciu as súas achegas nun 80 por cento".